19 dic 2017

Historias dun pasado non tan afastado...

“Por que as sombras non teñen ollos” de Luís Manuel García Mañá foi o libro escollido para o club de lectura do profesorado e persoal non docente, e sobor o que tivemos unha máis que animada charla na reunión celebrada na Aula de Música do Lama das Quendas.

Salientouse o bo facer do escritor por saber, dun feito histórico descoñecido para todxs xs que estabamos ate que ese libro chegou ás nosas mans, mesturar o real e o ficticio, o xénero narrativo con toques xornalísticos e case ensaísticos (a historia do Couto Mixto na fronteira luso-ourensá é case unha constante na obra de García Mañá), o enxebre do rural galego con ambientes máis urbanos e cosmopolitas nunha época convulsa e “estraña” na posguerra española e xa no final da II Guerra Mundial… É curioso como unha historia que pode dar moito como a presenza de nazis por terras galegas (algo documentado por historiadores e estudosxs) non se teña explotado tanto na nosa literatura, con todo o que elo pode dar de si, como ben se pode ler nesta novela.

Todo elo levounos a rememorar historias propias das nosas infancias, non tan afastadas (ehem): as lareiras coas cuadras embaixo, os primeiros “cuartos de baño”, a tremenda friaxe nas xornadas invernais, os camiños enchoupados na lama…

Tamén falamos, por suposto, de como as fronteiras trazadas nun mapa non soen significar nada, na maioría dos casos, no mundo real, no día a día das comunidades e nas relacións que se producen entre grupos humanos, e como moitas veces as leis propias deses territorios “afastados do mundo” están un pouco (ou un moito) á marxe das leis escritas e “pensadas” nas “capitais” alleas a todo o que acontece nas periferias…


Seguinte libro: “Non me deixes nunca”, do recente Nobel de Literatura Kazuo Ishiguro.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India