5 may 2017

"Anda que ti tamén has de ser boa!


Fomos educados na falsa crenza de que ser bo é o mesmo que obedecer e de que obedecer é o mesmo que  ser bo. A experiencia ensinounos a gran falacia da anterior afirmación na que se identifica bondade con obediencia e submisión. Mercedes Leobalde falounos desta verdade que cremos cando eramos nenos e aínda non tiñamos xuízo crítico. Ás mulleres educáronnos na obediencia aos pais , profesores ou maridos.Saír do noso rol era unha rebeldía inaceptable.Mercedes recupera a memoria desta situación en relatos como "Elena Francis" onde ao home se lle perdoan as infidelidades porque claro ,os homes son así e teñen esas necesidades. "Escrita a man" é outra historia na que a pel dunha muller  magoada pola brutalidade do seu marido lle causa vergoña e medo ao que dirán. Cando se atreve a saír á rúa , aínda co ollo amoratado, alguén lle di:"anda que ti tamén has de ser boa!"
Mercedes ensinounos que para ser un bo funambulista e non caer ao abismo nesa corda frouxa que é a vida necesitamos humor como no relato "Os cogumelos da risa" , aínda que na vida real resulte moi difícil pórlle un sorriso ás situacións máis duras.
-Cal é o teu relato favorito?-preguntan interesados os alumn@s. Ela responde que é difícil escoller porque todos son fillos seus,aínda que menciona "Elena Francis",o do morcego, "Tatoos", "Amencer","Códice Calixtino"... aqueles cos que o pasou ben escribíndoos. Algúns son autobiográficos, como o da nena agochada baixo a mesa mentres se celebraba a matanza na súa casa.
Cando se escribe ,aconséllanos, é bo acudir a lectores de confianza e escoitar a súa opinión, pero "escribir é como pintar un cadro, sempre queda algo por facer, por corrixir... nunca se chega a ter a certeza".A propia vida é esa historia ou ese cadro sempre susceptible de ser mellorado.
Fomos e somos funambulistas con Mercedes Leobalde, procurando o difícil equilibrio das nosas vidas. Este libro que non estaba pensado para adolescentes, foi, sen embargo , tamén para eles, que a escoitaron, preguntaron, buscaron explicacións que con frecuencia os adultos non podemos darlles e, sobre todo, comportáronse como auténticos lectores dos que nos sentimos moi orgullos@s.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India