23 jun 2016

Acabaron as clases...

Chegaron as merecidas vacacións para o alumnado!! Dende hoxe xa non hai que asistir ás clases no Lama das Quendas, non haberá deberes, exames, reunións...nin nada diso que consideramos "traballo".Pola contra, teredes moito tempo libre, tempo para compartir con familia e amig@s , tempo para vós mesm@s , tempo para ler...
Dende A Quenda do Libro , seguimos coa teima de sempre: ler, ler, ler...Tres letras que expresan a fermosa acción que realizamos con tanto agrado.
Sabedes que vos recomendamos varios libros,que tivestes ocasión de  escoller na biblioteca os tres títulos que vos apetecía levar prestados , agora só queda mergullarse nas historias coas que gozaredes de certo.
Nós, dende este blog e , sobre todo, dende o facebook, estaremos en contacto convosco, se queredes, porque non pechamos por vacacións. No que resta de mes, seguiremos publicando os poemas lidos e emitidos en Televinte e o mesmo faremos durante o mes de agosto. So deixarán de publicarse o mes de vacacións da canle local, é dicir , en xullo.
Os recitados de poemas  irán mesturados coas imaxes lectoras e veraniegas que a rapazada quedou de enviar ao noso correo , cos artigos interesantes que leamos durante as vacacións,con todo aquilo que puidera resultar de interés para tod@s vós.
Dende a praia,o río, a piscina, a ribeira, a montaña, á sombra dunha árbore , ao fresco da casiña  ou en calquera sitio  no que esteades este verán , facédenos un favor:sede felices!!Felices vacacións!!
Ah! E lede moito!!!

9 jun 2016

Achegámonos ao final

Rematamos, por este curso, coas actividades do club de lectura. Atrás quedan nove meses de actividades varias: reunións,obradoiros, sesións de animación, encontro con autores, e sobre todo, lectura de libros.
Resulta moi gratificante ver como a rapazada e @s adult@s se enganchan á ler e a comentar, a opinar, a propoñer, a suxerir ...
O sorriso que ilumina a nosa cara cando un alumno/a nos di: "que ben o pasei lendo!" vale máis dunha fortuna.Bueno, en realidade iso é unha fortuna, un tesouro co que moit@s se atopan ao longo do curso e outr@s aínda non deron con ese libro que lles fará subirse ao carro des@s lector@s que aínda non acabamos cun libro e xa estamos escollendo o seguinte.
E, cando calquera integrante do grupo de pais e nais e profesorado chega á reunión con esa sensación de que investiu moito tempo na lectura de tal ou cal novela, pero no foi tempo perdido... entón, que dicir?
Cando @s da Quenda che explican que grazas á ficción ,se puideron achegar a realidades que non alcanzarían doutro xeito, sobra calquera engadido.
E a festa final de onte martes, foi o acto final desta tempada.
Non hai deberes para o verán pero,@s que levamos dentro a adicción á lectura dificilmente poderemos desengancharnos nos vindeiros meses.E , ao tempo que lemos, xa estamos pensando en suxerir a calquera persoa que lea o "noso" libro para poder comentalo. Somos así!E que sexamos por moitos anos! 

Amigos, amigas, foi un placer compartir convosco lecturas e comentarios, e será un placer  facelo de novo o vindeiro curso.






8 jun 2016

Ler é unha adicción

Este grupo do profesorado está enganchado a ler. Con dicirvos que xa falamos de lecturas para o vindeiro ano!
Pero comecemos polo principio.Xuntámonos para comentar La chica del tren da escritora británica  Paula Hawkins. E as opinións foron boas, gustou o libro, enganchounos a historia, pero dixemos máis cousas que vos resumo por se alguén que non saiba se ler ou non esta  novela quere ter en conta a nosa opinión.Por certo, non imos destripala polo dereito que cadaquén ten de gozar da lectura sen interferencias.
Un compañeiro, nada máis chegar , preguntouse, e preguntounos, se realmente este thriller  era merecedor do éxito que estaba acadando.Sabemos como vai isto.Funciona o boca- orella , trátase dun libro fácil de ler , ten intriga ... Pois por iso se vendeu tanto nos 30 países nos que foi publicada.
Cremos que as mulleres que aparecen son realmente peculiares, e , Rachel, a protagonista (á que algunhas persoas non conseguimos querer, non empatizamos con ela, mentres outras si) ten demasiados problemas: é alcohólica ,mentirosa, sufriu unha dura ruptura amorosa, non ten traballo ,é testemuña dun acto violento ,ten  baixa autoestima, está deprimida...Un personaxe rico en carencias. Pero, cales foron os motivos que a levaron a esa situación? As causas  fixeron que algúns dos asistentes se solidarizara con ela.
O  múltiple punto de vista de Rachel, Anne e Megan creou algunha confusión ao comezo e , mesmo, levou a pensar a algúns que ía ser todo o libro así.Pero non, mudou.
A narración é axil ,casi cinematográfica;  cremos que hai un bo manexo da tensión narrativa ; mantén a intriga ata ben entrada a novela polas pistas falsas que nos vai proporcionando  ( aínda que houbo quen nas primeiras páxinas xa descubriu, porque atinou, quen era o culpable da desaparición da muller); e o final é efectista.
Para nós,a rapaza do tren representa a esas persoas que viven soas nas cidades e desexan , por calquera medio, conectar con alguén , que alguén lles faga caso...A soidade é mala compañía.
Non pretendiamos outra cousa con esta novela, so queriamos ler, gozar co que lemos sen meternos en textos profundos  que nos obrigaran a meditar, a sufrir cos protagonistas.E conseguímolo. 
Non sabemos se veremos a película, baseada neste libro  que, se estreará  no próximo setembro, probablemente non, porque seguro que o libro é moito mellor.
Neste caso unha imaxe non vale máis ca mil palabras.

6 jun 2016

A quenda da festa!!

Remata o curso e ,con el ,as actividades deste club de lectura polo que pasaron  140 rapaces e rapazas que participaron algunha vez nas nosas reunións .
Faremos balance do mesmo,  e tomaremos nota daquilo que funcionou  ben e do que precisa mellora para que o vindeiro curso sexa aínda mellor.Mais, haberá tempo para iso.
De momento, queremos convidarvos á derradeira reunión que realizaremos no Salón de Actos o vindeiro martes, 7 de xuño.Trátase de compartir durante o tempo de lecer uns pinchos  e unhas risas.
Non queremos que faltedes!
Agardámosvos!!

Afondando nas feridas

Presentámosvos os traballos que fixemos cos mozos e mozas de 1º de Bacharelato que se achegaron á derradeira reunión deste curso.
Lembrámosvos que estaban en grupo e que recibiron instruccións para realizar a actividade.
Así, as rapazas que escolleron traballar coa primeira fisura souberon que debían completar un poema mutilado. Démoslle un do poemario  co encargo de que  debía ter de temática as fendas, as dores, os desacougos que sentían en relación coa familia.
Aquí vedes o poema de Berta Dávila, o que lles demos e o que elas crearon.

As mozas que elixiron facer a actividade da segunda fisura recibiron un folio  cunhas palabras que necesariamente debían aparecer  no seu texto  que, ademais ,debía completarse con palabras da categoría que se lle indicaba. A temática debía ser a morte, a enfermidade...
Na seguinte imaxe podedes ver o poema orixinal, os condicionamentos impostos e a creación das nosas artistas.
Un dos poemas da terceira parte do libro de Berta di:"Escribín o teu nome  sobre a primeira liña/coa miña caligrafía imperfecta" e ao rapaz e á rapaza que se decantaron pola terceira fisura pedímoslles que nun folio escribiran, en diferentes caligrafías , palabras relacionadas co amor e o desamor e que as dispuxeran do xeito que lles apetecera. Resultou isto:
Ao cuarto grupo proporcionámoslle un breve poema que aparece en Raíz da Fenda que debían versionar para amosar a que renunciarían.Aínda o retorcemos algo máis  e quixemos que fixeran un poemiña máis en sentido positivo, expresando algo polo nunca tirarían a toalla.
Así quedou o texto:
So faltaba traballar coa derradeira fisura do poemario que  recolle a dor das feridas que provoca a creación literaria. O quinto grupo preparou un poema visual, coa temática da poesía e dos poemas. Este foi o acróstico creado:
Considerando o pouco tempo do que dispuxeron , non credes que son uns e unhas artistas!!!
Parabéns pola creatividade!!

3 jun 2016

Hai feridas que nos mudan para sempre

Ler Raíz da fenda  e quedar co corazón encollido foi todo un. Pero como nos dixo Gonzalo Moure:"escribir, cura as feridas".E como dixera Pablo Neruda noutro dos seus afamados poemas :" y el verso cae al alma como al pasto el rocío".Así que as fisuras das que Berta Dávila nos fala, aínda que tamén nos ferían a nós, non deixaban de ser unha especie de terapia. 
Na reunión do alumnado de 1º de Bacharelato do pasado 31 de maio, este grupo de rapazas e rapaces  puxo a proba a súa capacidade de creación ;ou sexa que, como dixo Einstein, proporcionáronlle diversión á súa intelixencia e tras comentar as cinco partes nas que se  divide o poemario , de falar das gretas do "eu poético" quixemos atenuar  as sensacións de desacougo,dor e tristura que nos anegaban e xogar un pouco a partir dos poemas do libro.
A rapazada organizouse en cinco grupos  e cada un destes  realizou unha actividade relacionada con cada unha das cinco fisuras ás que sobreviviu a emisora das poesías.
A explicación das instruccións e as creacións da rapazada serán amosadas nunha próxima entrada.
De momento, vede como traballaban.

2 jun 2016

Creacións da rapazada de 4º de E.S.O.



Xa hai días que traballamos co alumnado de 4º o poemario de Carlos Negro titulado  Penúltimas tendencias. Nel hai un poema do que nos ocupamos ao comezo da reunión. Foi o titulado "Fóra de onda" que o alumnado de 4º convertiu en poemas  en castelagalenglish mesturando castelán, galego e inglés. Mesmo alguén se atreveu co francés.Pero isto xa volo contamos. Agora podedes ver o resultado do traballo.

Tamén vos contamos que propuxeramos imitar "5 razóns polas que cortaría contigo" , darlle a volta ao poema e que fixeran "5 razóns polas que NON cortaría contigo". Comezaron na sesión, pero non deu tempo a rematar e algunha rapaza quixo levar deberes para a casa , de xeito que , Tania fíxonos chegar o resultado que vos amosamos. Podedes comprobar que aínda foi máis versionado do que pediramos porque fixo un poema titulado "5 razóns polas que NON cortaría contigo+ 3 ". 
Deixámosvos os orixinais e os creados pola rapazada. Así comparades
Poden gustar ou non , coma todo, pero nós, dende o club, felicitamos o atrevemento e a boa disposición ante as nosas suxestións.
Grazas por participar e crear.

1 jun 2016

Reunión do grupo do profesorado

La chica del tren foi a lectura que o profesorado fixo  neste trimestre, e o vindeiro xoves, 2 de xuño,  ás 11:15 horas, na Aula Multimedia teremos a reunión para debullar opinións sobre este thriller que acadou un éxito de vendas impresionante.Abonda dicir ao repecto que en Estados Unidos chegou a venderse un exemplar cada seis segundos; no Reino Unido , cada dezaséis. En España , nun mes lanzáronse sete edicións.
Claro que non podemos identificar vender con ler, nin ser bestseller con calidade ou boa cualificación da novela.
A ver o que  sae da  próxima xuntanza. Contarémosvolo!



 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India