30 dic 2016

Grazas a tod@s por este ano de poesía

228 persoas implicadas neste ano de poesía adicado a Manuel María que rematou coa emisión do derradeiro poema noa noite de  onte.
Dende aquel 7 de xaneiro no que comezara a emisión dos poemas de Manuel María en Televinte, moitísimas persoas colaboraron coa iniciativa da Biblioteca do I.E.S Lama das Quendas.Unhas residen en de Chantada ( aínda que chegaran de Venezuela, Marrocos, Corea ou comunidades como  A Rioxa ou Castela-León) , outras en concellos veciños como Ferreira, Monforte, Taboada ... e aínda outras trouxeron as súas voces de ben lonxe , como dende Rosario ( Arxentina).
Despois de participar neste proxecto de divulgación da poesía e do noso querido poeta ,Manuel María, cremos que é de lei nomear a cada un/unha d@s recitador@s que foron:
Rocío, Paula, Daría, José Manuel, Pamen, Asma, Alejandro, Alfonso, Natalia, Manuel, Juan, Lidia, Marian, Laura, Lucía, Rosa, Andrés, Luis, Aarón, Toño, Miriam, Jez, Nerea, Isabel, Iñaki, Óscar, Jorge, Diana, Alejandro, José Manuel, Noela, Laura, Erika , Xende, Gabriela , Juan, Hugo, Laura, Rocío, Lía, Lois, Ricardo, Hita,  Leticia, Sandra, Enzo, Carme, Natalia, Andrea, Sin, Helena, Nerea, Ketuly, Teresa, María, Sergio, María, Mariana, Brais, Manuel, Carmen,  Hasna, María,Nerea , Jessica, Xosé Lois, Lucía, Pablo, Sarai, David, Juan Carlos, Pili, Alicia, Verónica, Adrián, Cristina, Sofía, Blanca, Ana, Raquel, Serxio, José Ramón, Sara, Ibán, Virginia, Ana, Vanesa, Alejandro, Brais, Lucía, Rubén, Álex, Candy, Jesús, Diego, Noelia, Andrea, Vera, Antón, Candela, Carlos, Carmen, Victoria, Ivo , Carmen, Hugo, Marcos, José Dang, Sara, Diego, Beatriz, Xabier, Martín, Uxía, María, Clara, Jenifer, Iago, Uxía, Estefanía, María, Luz, Daniel, Maite, Carmen, Ana, Diana, Ana Belén, Antonio, Clara, Héctor, Melisa, Juan, Ramón, Hugo, Lucía, Xoán Lorenzo, Erika, Ana Rosa, Aldara, Ada, Paulo, Brais, María, Pablo, Tania, María, Fernando, Natalia, Javier, Ana Mª, Andrea, Francisco, Andrea, Nerea, Manuel, Anxo, Paula, Montserrat, Nieves, Javier, Susana, Raquel, Ildefonso, Alba, Andrea, Melina, Merce, Zulema, Xosé, Ángel, Francisco, Karina, Ana, Goretti, Raúl, Estefanía, Paz, Iria, Ángeles, Clara, Ernesto, Andrés, Bea, Arturo, Asma,  Paz, Lucía, Olaia, Carmen, Ismael, Evelyn, Pablo ,Darío , Carmen, Antón, Miguel, Noa, Nerea, Brais, Carla, Carlos, Santiago, Teresa, Iván, Helena, Martiño, Almudena, Xesús, Lorena, Paula, Yoo-Jin,  Humberto, Leticia, Mª José, Adrián, Oreana, Enrique, Lorena, David, Elías, Luz, Víctor Manuel, Cristina, Víctor José, Lidia, Ana , Felipe, Iria, Clara, Mabel, Hugo, Héber, Matilde, Paqui, Xabier, Alelí, Manuel, Mª Teresa, Olga, Mª Hermitas e Mercedes.   
A todas elas  un agarimoso saúdo e o noso profundo agradecemento.
Que a poesía, tan incomprendida, se  metera nos nosos fogares nas voces de alumn@s do IES Lama das Quendas, IES Val do Asma e CEIP Monte Baliño ; profesorado deses mesmos centros; pais , nais , e outros  homes e mulleres da noso entorno foi todo un pracer que , agardamos, permita que a nosa sociedade se achegue dun xeito máis natural a este tipo de literatura porque a poesía dinos e fainos sentir o que cada un/unha de nós desexemos, non transmite unha mensaxe única, senón tantas como lector@s haxa.
E , finalmente, non podemos, nin queremos, esquecernos de quen armou esta idea: Alfonso, que adicou moito tempo non só á montaxe de cada vídeo senón tamén á gravación das imaxes que o compoñían porque tiñan que ser de seu.Tampouco de Televinte, a canle de televisión local, que aceptou inmediatamente a idea como propia e facilitou a tarefa enormemente.
Grazas.Moitas grazas por facernos gozar deste ano de poesía!

24 dic 2016

Felicidade e fartura!!!

O Apalpador é un personaxe mítico galego, un carboeiro que na noite do 24 de decembro, ou o 31 , baixa da montaña a levarlles os agasallos @s nen@s. Entra pola noite nas casas, vai aos cuartos mentres durmen e apálpalles a barriguiña para ver se están ben mantidos e déixalles unha presa de castañas, noces e xoguetes co desexo de que teñan moita felicidade e fartura no que tempo que vai ata o seguinte Nadal.
A rapazada ten tal inquedanza que non para de rebulir e hai que cantarlle esta cantiga:


Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña

                                             Xa chegou o día grande
                                                día do noso Señor.
                                             Xa chegou o día grande
                                              e virá o Apalpador.

                                             Mañá é dia de cachela,
                                          que haberá gran nevarada
                                             e há vir o Apalpador
                                           cunha mega de castañas.

                                            Por aquela cemba
                                            xa ven relumbrando
                                            o señor Apalpador
                                         para darvos o aguinaldo.
 
 
cachela :plancha furada para asar as castañas
mega : cesta para apañar castañas e outros froitos secos   
cemba:parte elevada dunha montaña ou camiño.

22 dic 2016

FELICES VACACIÓNS!!

 
 Que 
         teñades 
                    unhas 
         
    BOAS FESTAS!!

21 dic 2016

Pamp@s cos Pampín

«Estes Pampín son parvos!»-di un rapaz ao entrar na reunión.E despois, matizou a súa afirmación: «escolleron o lote equivocado!»E , a partir destas palabras continuou unha conversa na que tod@s participaron dun xeito moi activo amosándonos novos puntos de vista,e puntualizando e argumentando opinións.
Concordamos en que Indalecio descoñecía o que agachaba cada lote, en que non merecían a herdanza , en que se atoparon na vila con canto pillabán había, en que os ricos da aldea parece que chegaron a selo por medios pouco lícitos, e en que nos gustou A Mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado a tod@s menos a un que se queixa das ilustracións.
E se el@s herdaran  a casa da aldea como Inda, que farían? Dixeron que a venderían para mercar uns/unhas un piso mellor, e outr@s unha casa.
Vantaxes e desvantaxes do piso? Saíron unhas cantas. Houbo un rapaz , ben práctico el, que dixo preferir o piso argumentando que é moito máis doado de limpar.(Ai, como o comprendo!)
E se herdaran o lote dos pisos e garaxes, que farían? Maioritariamente vendelos para adquirir algo mellor.
E se nos tocara a lotaría de nadal?-pregunta unha das asistentes.As respostas foron variadas: viaxar, gardar os cartos por se os necesitaran máis adiante, restaurar a casa que teñen nas aldeas... (E tod@s coñecen algunha casa ou pazo restaurado polos arredores, e valoran o esforzo que os donos realizaron para integralos no entorno e repectar a tradición.)
Rematamos poñéndolle adxectivos a Indalecio, a súa muller e fillos, ao alcalde , ao contructor...Debo  dicir que non saíron ben parados. Pero tampouco o merecían!

Se tes ollos e oídos...

É tan fácil coller o camiño malo!Na vida real actualidade diaria me remito)  e na ficción, como pasou en A Lingua das Bolboretas, por exemplo. Esa escolla errada parece que foi a que fixo Pierrot, o protagonista, de  El niño en la cima de la montaña, de John Boyne, que detestaba a violencia, fuxía da confrontación e...que fixo despois?
Pois así somos os humanos, queremos as cousas pero non as súas consecuencias.
Pierrot evoluciona co paso do tempo pola educación? que recibe. Estamos convencidos da importancia da educación, do valor da información que reciben @s nen@s e da relevancia de ensinarlles a pensar , a criticar e a asumir responsabilidades. Na novela esta opinión é verbalizada por Enma ,a criada:«Nunca finjas que no sabías lo que estaba pasando aquí.Tienes ojos y oídos. [... ]Lo oiste todo.Lo viste todo.Lo sabías todo.Y sabes también de qué cosas eres responsable. »
Mais Pierrot non está preparado para aceptalo, preferiría baleirar a mentemente, querería ter anmesia para non sufrir polos feitos acontecidos na súa adolescencia. Finalmente , toma unha decisión que nos leva @s lector@s ao efectista epílogo ,que ninguén esperabamos, no que o perdón asoma e brila con forza gracias á amizade.
Falouse de El niño del pijama de rayas porque é do mesmo autor, trata tamén o tema "nazi" e algúns personaxes viven en ambas novelas.
Consideramos que é un libro fácil, entretido, bonito pero non sorprendente. E augurámoslle moit@s lector@s entre o alumnado de ESO.

20 dic 2016

Historia de misterio...ou non tanto?

Pais,nais e amig@s do club leramos El cuento número trece de Diane Stterfield  e o pasado mércores, xuntámonos para falar entre nós del.
A novela gustoulle moito a algunhas persoas e bastante menos a outras.(Xenial, porque a situación perfecta para comentar un libro é que haxa pluralidade de opinións).Quen se "enganchou" dende as primeiras liñas e quen parou de ler e obrigouse a retomar a lectura días despois.De calquera xeito ninguén está arrepentid@ de ler esta historia que para un par de persoas foi moi predecible.(Outr@s fomos excesiamente inxenu@s?).Esas asistentes contáronnos que  se decataron de determinadas accións que ocurrían que só podían deberse a que na casa había outra/s persoa/s ( Non imos aclarar máis por non "destriparlla" a alguén que se anime agora  a ler a novela.)
Alguén manifestou que  a lectura tivo certa complexidade polas descripcións abondosas e tantos personaxes como aparecían.
Coa historia viaxamos á campiña inglesa nunha época que intentamos acotar comentando outros aspectos da novela.
A narración lida serviunos de pretexto para falar da maldade, da mentira, da verdade, do perdón, da familia, do amor, das mulleres ( e a súa pouca valía noutros tempos), da enfermidade ...
Curiosamente o personaxe menos querido ( que non odiado) non foi Adeline ou Vida Winter , que consideramos unha víctima,senón que foi a nai de Margaret polo desapego inxustificado co que sempre tratou á súa filla, aínda que o pai tamén ten á súa responsabilidade nesa relación.
Subliñamos a pasión polos libros e a literatura que impregna  toda a novela e preguntámonos se habería "secuela".
E charla que te charla , enredamos comentando tantas cousas que algunhas persoas saímos ás 19:00 h. da Biblioteca. Será que estabamos mal agusto!

O tren que nos leva a un mundo incerto

Esta vez, eramos pouc@s na reunión; pero falando de Engurras, de Paco Roca,  o tempo voou. A María gustoulle moito libro, porque ten tantas historias! No microcosmos da residencia hai profundas relacións de amistade e de amor; como a da muller que segue o seu marido para estar con el ata a fin. Hai lembranzas que atravesan a mente como estrelas fugaces o olvido; hai loita pola supervivencia e « trapicheo» como nos mellores filmes carcelarios; hai tamén un tren, onde viaxa a muller que nunca envellece, o tren onde tod@s imos e quixeramos baixar antes de chegar á soidade total, á vida sen vida do andar de arriba.

19 dic 2016

Reunión do alumnado de 1º A e B de ESO

Esta semana si que vos toca!
Mañá martes, ás 11: 15 h xuntarémonos para comentar A Mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado que a estas alturas tod@s coñecedes moi ben.
Creo que imos ter unha sorpresa nesa reunión. Agradable , por suposto.
Se queredes, vémonos!

Lembrarlles a nenez!

Por nada do mundo quixeran ver ás súas avoas,xa non lles viven os avós, nunha residencia como na que están os personaxes do libro que leron. Unha das asistentes non pode nin pensalo sen que as bagoas aparezan nos seus ollos. Quérenas moito.
E  Engurras de Paco Roca a algúns parecéulles triste. Demasiado. Outr@s gozaron coa historia d@s residentes sobre todo cando  facían trastadas coma se fosen rapaces pequenos. Critican o "abandono" ou "despreocupación" de moitos familiares. Pensan que se os visitaran máis veces o seu deterioro non sería tan rápido. Saben, por experiencia, que cando unha avoa recibe a súa visita "alegrámoslle o día" , di un rapaz; "ilumínaselle" a cara ; o sorriso chégalles de orella a orella , afirman. @s máis afortunados conviven con elas.
Contaron as súas experiencias  con algún familiar con alzhéimer e as conversas que tiveron coas avoas a partir da anterior reunión na que quedaramos de falar con elas , pedirlles que nos contaran historias que lembraran de cando tiñan a idade que eles teñen , da súa nenez en xeral e , mesmo houbo quen sacou foto coa avoa  imitando outra na que a súa avoa tería os seus mesmos anos. Este tempo que pasan coas súas persoas maiores non se lles esquecerá nunca!
Sobre o formato do libro, coma sempre, teñen opinións distintas: uns gozan dende cativiños cos cómics e outr@s non os len nunca, así que para algunhas persoas a combinación de imaxe e texto é un acerto mentres que outras prefiren só a historia da que xa se farán unha imaxe. Aínda así,  non se arrepinten de ler o libro nin se cerran a ler máis banda deseñada.

12 dic 2016

Reunión do alumnado de 2º de ESO e PMAR

O vindeiro martes, 13 de decembro, teremos a reunión do alumnado de 2º de ESO e PMAR para comentar o libro de Paco Roca titulado Engurras.
@s superticiosos din « en trece e martes nin te cases nin te embarques nin da túa casa te apartes». Nós non imos facer nada diso, senón que imos falar; logo non teremos en consideración as supersticións.
Así que , rapazada, ás 11:15h. nas Aulas Multimedia e Obradoiro, agardámosvos para pasar un anaco entretido esfiañando a novela gráfica que acabamos de ler. Por certo, se podedes visitade está páxina na que se nos fala dunha interesante experiencia relacionada con anciáns. 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India