10 nov 2016

Unha viaxe inesperada

Iniciamos a viaxe da sesión co alumnado de 4º proporcionándolles unhas viñetas de Quino para que  imaxinasen a historia que  narraban e  que , logo, nos tiñan que contar.
Toda a creatividade agromou e prendeu nos seus  relatos que , ademais, remataron cun refrán ben atinado en cada caso.
Na primeira parada do noso recorrido , verbalizaron as diferentes maneiras de contar historias: con palabras, con debuxos, con xestos... Despois,reiniciamos o camiño observando a maleta cun gran interrogante que se debuxara na pizarra.E falamos dela. Alguén dixo que ía de viaxe,que cambiara de dono,que estaba perdida nun aeroporto ,de aí o signo da interrogación... E podía ser, pero non. Esta era a súa maleta, a de cada un/unha. Esa que @s acompañaría porque tiñan que marchar, así ,de súpeto,sen diñeiro. Só poderían levar algo de roupa e tres cousas que debían escoller.Unha persoa preguntou se esas tres cousas tiñan que "entrar na maleta"-quizás pensando en levar  algún familiar ou algún moble como a cama.Xa resignad@s coas limitacións impostas,fixeron as súas propostas: auga ( se a deixaran introducir no avión, se viaxaban en avión), comida , un amigo (ah!Non, que non cabe!),un móbil , un mapa...Mentres pronunciaban todas estas "posibilidades" debatían sobre a súa conveniencia ou non.(Orgullosas estamos desta rapazada que analiza as situacións e ofrece diferentes solucións!!)
Avanzaron no percorrido e coa maleta chea desas cousas que cadaquén elixiu e, por fin , chegaron a un destino descoñecido."Que farías nada máis pisar esa nova vila?"-foi a seguinte cuestión que lles presentamos.Dende buscar traballo ata pedir axuda a un policía ou ao consulado, pasaron por proposicións diferentes.
"E como vos sentiríades? -preguntamos finalmente."En tensión", "con morriña", "perdid@s","preocupad@s","moi sós". Igualiño que o protagonista de Emigrantes ,o libro de Shaun Tan que leremos neste primeiro trimestre.
Neste momento,si que, definitivamente, as mediadoras podemos dar por rematada  esta viaxe de hoxe.


0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India