8 jun 2016

Ler é unha adicción

Este grupo do profesorado está enganchado a ler. Con dicirvos que xa falamos de lecturas para o vindeiro ano!
Pero comecemos polo principio.Xuntámonos para comentar La chica del tren da escritora británica  Paula Hawkins. E as opinións foron boas, gustou o libro, enganchounos a historia, pero dixemos máis cousas que vos resumo por se alguén que non saiba se ler ou non esta  novela quere ter en conta a nosa opinión.Por certo, non imos destripala polo dereito que cadaquén ten de gozar da lectura sen interferencias.
Un compañeiro, nada máis chegar , preguntouse, e preguntounos, se realmente este thriller  era merecedor do éxito que estaba acadando.Sabemos como vai isto.Funciona o boca- orella , trátase dun libro fácil de ler , ten intriga ... Pois por iso se vendeu tanto nos 30 países nos que foi publicada.
Cremos que as mulleres que aparecen son realmente peculiares, e , Rachel, a protagonista (á que algunhas persoas non conseguimos querer, non empatizamos con ela, mentres outras si) ten demasiados problemas: é alcohólica ,mentirosa, sufriu unha dura ruptura amorosa, non ten traballo ,é testemuña dun acto violento ,ten  baixa autoestima, está deprimida...Un personaxe rico en carencias. Pero, cales foron os motivos que a levaron a esa situación? As causas  fixeron que algúns dos asistentes se solidarizara con ela.
O  múltiple punto de vista de Rachel, Anne e Megan creou algunha confusión ao comezo e , mesmo, levou a pensar a algúns que ía ser todo o libro así.Pero non, mudou.
A narración é axil ,casi cinematográfica;  cremos que hai un bo manexo da tensión narrativa ; mantén a intriga ata ben entrada a novela polas pistas falsas que nos vai proporcionando  ( aínda que houbo quen nas primeiras páxinas xa descubriu, porque atinou, quen era o culpable da desaparición da muller); e o final é efectista.
Para nós,a rapaza do tren representa a esas persoas que viven soas nas cidades e desexan , por calquera medio, conectar con alguén , que alguén lles faga caso...A soidade é mala compañía.
Non pretendiamos outra cousa con esta novela, so queriamos ler, gozar co que lemos sen meternos en textos profundos  que nos obrigaran a meditar, a sufrir cos protagonistas.E conseguímolo. 
Non sabemos se veremos a película, baseada neste libro  que, se estreará  no próximo setembro, probablemente non, porque seguro que o libro é moito mellor.
Neste caso unha imaxe non vale máis ca mil palabras.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India