21 dic 2015

Hoxe comezan as vacacións

 

20 dic 2015

Buscas un libro?

Un libro sempre é un bo agasallo. Regalar lectura é un acto xeneroso que vale moito máis do que custa.
Se non sabes que ler ou que libro agasallar  nestas datas , é posible que entre as  suxestións da Biblioteca do Lama das Quendas  atopes algo que che interese.
E se queres envolvelo de maneira diferente e orixinal aínda será máis aprezado. 
No seguinte enlace coa páxina do huffingtonpost ,podes atopar  diferentes maneiras de envolver un libro para que sexan preciosos o continente e o contido. 
Nunca está de máis regalar cultura, e os libros son unha mostra dela.

19 dic 2015

2016 , Ano de Manuel María

O 17 de maio de 2016 será  o Día das Letras Galegas  adicado ao poeta Manuel María.
Nós, dende o I.E.S Lama das Quendas ,queremos festexalo como se merece e buscamos o xeito de renderlle unha homenaxe na que nos impliquemos toda a comunidade educativa e o pobo de Chantada.
Así que a proposta que dende a Biblioteca e o Club de de Lectura , en colaboración con Televinte, vos facemos é a de conseguir que cada día lectivo poida aparecer ,ao final do Telenovas, unha persoa lendo un poema do poeta chairego. 
Xa hai medio cento lidos, hai outros moitos que ao regreso das vacacións de nadal serán gravados pero temos que ser máis porque o ano é moi longo. Precisamos que nos axudedes a lograr este reto.
Se estás dispost@ ponte en contacto connosco no I.E.S Lama das Quendas. Darémosche o poema e faremos a gravación.Ou, como se di no vídeo, de Televinte, achégate a esta canle de televisión e tamén cho gravarán.
Escoita.
Lembrade, o 7 de xaneiro comezaran a aparecer en Televinte.
@s que xa leron , @s que teñen o poema na casa e están practicando para gravar en xaneiro, @s que teñen intencións de  colaborar, grazas.Moitas grazas!
Que o sentimento , as emocións de Manuel María cheguen a nós a través dos seus poemas!!
Será un ano de poesía no Lama das Quendas!!

18 dic 2015

Os 40 principais

 Dende a Asesoría de Bibliotecas escolares acaban de facer pública a táboa d@s 40 autor@s máis lidos polos Clubs de Lectura no 2014-2015.
Podedes consultala e comprobar que entre eses 40 nomes , están  seis dos autor@s que nós lemos no curso pasado.
Para facilitarvos a tarefa, velaí vai a listaxe des@s que nos fixeron gozar coas súas palabras , que nos permitiron vivir tantas vidas,  segundo a orde que ocupan na publicación de  Ler en mancomún.
Foron: Agustín Fernández Paz,Jordi Sierra i Fabra, John Green, Xabier P. Docampo,Fina Casalderrey, Markus Zusak. 
Agradecerlles a tod@s @s escritor@s  a súa xenerosidade para compartir connosco as súas historias e permitirnos  , como dicía Fernando Pessoa" soñar da man doutro".

17 dic 2015

Síntese de artes


As descricións e, sobre todo,  a falta de diálogo levaron ao alumnado de 4º de E.S.O e P.D.C. a cualificar De Profundis de Miguelanxo Prado como historia " aburrida" aínda que tod@s  eloxiaron as ilustracións.
Comentouse que a obra é  unha síntese das artes, unha mestura de música, pintura, literatura que pretende provocar en nós emocións , que consegue que disfrutemos cos sentidos.
Cada asistente falou dos debuxos que máis lles agradaban:a casa rodeada do mar unhas veces quedo outras bravo; os cadros que aparecen na casa ( unha especie de "cadros de futuro" porque  neles o pintor debuxou o que logo sucedería); o gato negro coa lúa recortada ao fondo; o barco encallado; o pintor ao timón do "seu barco" no fondo do mar; a vasta paisaxe multicolor do fondo mariño ...
Falamos do rol que desenvolven algúns dos personaxes, como a serea,e houbo, ao respecto, interpretacións diferentes
A nosa rapazada non é nada supersticiosa ao contrario que os mariñeiros da nosa historia, pero concordan co narrador  en que, ás veces, o tempo pasa moi rápido ( cando estás nun exame, cando estás facendo algo que che gusta) e outras, devagar. ( Non "leades" que lles gusta facer un exame , eh!)
E se as almas dos mariñeiros afogados  se transforman en gaivotas, na reunión  estivo quen desexaría que o seu espírito se reencarnase en mosquito, can de palleiro ou con pedigree, caimán, corzo, bolboreta, pingüín, paxaro, ratiño, gato, cabaliño de mar...
Tamén hai quen quixera  renacer coma  ser mitolóxico:  serea, ou coma personaxe da ficción: "Bambi". Ai, cantas cousas lle debemos á factoría Disney!!
Pois nada, que se cumpran os soños!!! 

11 dic 2015

Trasladarse no tempo e no espazo

Enfrontarse á  El Héroe Discreto,para as persoas do noso club de adultos , significou, por un lado ,deixar á beira a carga mediática que sempre, pero máis nos últimos tempos, acompaña a Mario Vargas Llosa, o autor. E por outro , esquecerse de que é un premio Nobel e racionalizar, por tanto, que pode facer obras marabillosas e outras...non tanto.
Superados eses dous prexuízos, lemos a novela e velaí vai o que na amena tertulia  da derradeira reunión , se puxo sobre a mesa a propósito dela.
Gustar ou desgustar quizais non sexa a palabra.Pero se vos digo que , sen estar pesaros@s por lela , non sería este un libro que recomendarían se alguén lles pedira consello, xa imos entendendo o sentir destes pais e nais asistentes.
Díxose que "non emociona", "non ten intriga e soluciona moi rápido os conflitos", "ten pouca acción"...Comentouse que gusta a ironía que emprega nalgúns momentos, a linguaxe ,as oracións curtas, moitas expresións do español de América...
Discutiuse sobre se  a técnica narrativa empregada ( permitídeme usar esa expresión)  intenta atraer á xente maior ou á xente nova  e argumentouse a favor de cada punto de vista.E tamén houbo discrepancias sobre  o acerto ou erro de que as historias fosen paralelas ,de xeito que algunha persoa comentou que ía lendo e pensando en "capítulos pares e impares" e a outros íalles sorprendendo o devir da narración e cuestionábanse se sería así ata a fin da historia ou terían, nalgún momento, conexión.Para algúns ese paralelismo foi un problema e queixáronse de excesivas digresións.
Para outr@s o espazo no que se desenvolveu a acción foi un lastre ao longo de toda a lectura.
A propósito da  historia que conta houbo coincidencia en que era simple, folletinesca, de telenovela, un pouco "rancia",verosímil, crible pero non nestes tempos, non aquí.E foron máis alá: reflicte estereotipos daqueles pobos, normaliza situacións moi negativas para as mulleres,manifesta certa melancolía polo pasado...
E como se psicanalizaramos  ao autor ,tamén se escoitou o do "certo paralelismo" coa súa vida, ou o que coñecemos dela.

7 dic 2015

Reunión d@s adult@s

Sobre este libro, e seguro que do seu autor, conversaremos o vindeiro mércores, 9 de decembro, na reunión prevista do club de lectura de pais,nais e amig@s de A Quenda do libro.
Ás 17:30 h. , na Biblioteca do noso intituto os nomes de Felícito, Ismael ,Fonchito..., personaxes da novela, e o de Mario , o autor, soarán acompañados de críticas favorables e outras desfavorables, porque xa algunhas persoas me fixeron chegar as súas opinións ao respecto da novela, ben cando devolveron o libro á Biblioteca, ou en encontros pola rúa.
Na diversidade está a riqueza. É moi bo que haxa discrepancias nas valoracións porque iso permitiranos afondar na lectura e  colocarnos , figuradamente, en posicións diferentes con ópticas distintas.
Xa dicía Marco Aurelio: "Todo o que escoitamos é unha opinión, non un feito.Todo o que vemos é unha perspectiva , non é a verdade."
Será interesante.


4 dic 2015

Reunión do alumnado de 4º de E.S.O. e P.D.C.

As vacacións de nadal están preto e antes celebraremos a reunión do alumnado de 4º A e B  de E.S.O. e 4º de P.D.C para comentar De profundis de Miguelanxo Prado.
Aínda hai exemplares na Biblioteca para aquel@s que aínda non leron esta fermosa historia de amor debuxada polo  coruñés Miguelanxo Prado que acadara o Premio Nacional do Cómic no 2013 pola súa obra Ardalén. 
Traede elixida a vosa ilustración favorita e alí argumentaredes  a escolla.
Ademáis da lectura do club, tod@s aquel@s que  queren afondar na obra deste debuxante ,podedes atopar na nosa biblioteca  máis libros de banda deseñada deste mesmo autor: Trazo de Xiz, Ardalén, A Mansión dos Pampín, Pedro e o Lobo...
Vémonos o martes,15 de decembro, durante o recreo  nas aulas de reunión habituais.

2 dic 2015

Reflexo do que ocorre neste mundo

Co alumnado de 2º de Bacharelato comentamos A Revolta dos animais.Este libro ,que lles gustou , deixoulles un sabor agridóce porque ,se era válido  para a data da súa publicación no 1945 ,e  serve de explicación para moitos comportamentos de  hoxe , setenta anos despois, causa profundo pesar observar que o ser humano, a sociedade non aprendeu nada.
Un dos rapaces fixo un resumo da novela de Orwell introducindo os apuntamentos que consideraba oportuno. @s demais asistentes fomos verbalizando as nosas achegas ata  rematar criticando as consecuencias do abuso de poder ( Jones, Napoleón); a triste e indesexable aniquilación desas persoas que buscan o ben común , desas que farían progresar a sociedade ( Snowball) porque fan perigar o poder;a tiranía á que se chega a conveniencia dos que mandan; a manipulación da verdade en función dos intereses (Squealer) ...
Da fábula da que todos debiamos extraer ensinanzas, pasamos a comentar a obra desde a perspectiva da sátira política que tamén se ten visto nas páxinas de Orwell e así, fomos comentando a quen representaba cada personaxe no mundo real da primeria metade do século XX.
Do xa dito aos tempos actuais non houbo que dar un grande paso e acabamos a reunión falando das nosas normas constitucionais  ,recentemente consultadas por algún dos rapaces por mor do emerxente independentismo, e do incumprimento de moitos dos  artigos da Constitución do 78.
Agardo que cando est@s moz@s de 2º de bacharelato, teñan fill@s de  17-18 anos lles aconsellen ler A Revolta dos animais  e que , cando conversen sobre o lido ,@s escoiten exclamar : pero isto xa non pasa nestes tempos!
Daquela será verdadeiro por fin o sétimo mandamento: Tod@s seremos iguais.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India