31 may 2015

Novela innovadora que engancha

O título resume a  a opinión xeral d@s  asistentes á reunión do pasado mércores, 27 de maio.E falabamos de La verdad sobre el caso de Harry Quebert de Jöel Dicker. Aínda así algunha persoa consideraba que quizás con menos páxinas a novela resultaría igualmente atractiva para ler.
Os pais e nais  estaban satisfeitos de ter feita esta lectura aínda que a algúns non lles gustou o final. 
Destacan a habilidade do autor para conducirnos a a onde quere facéndonos sospeitar de diferentes personaxes como autores do crime cometido. Cada vez que aporta pistas ,que dosifica con sabiduría , xa nos fai dubidar.
Se ben é certo que a maioría comentou que dende o principio  estaban " perdidos" sobre quen sería o asasino, porque a trama se ía enleando , a outr@s , a policía  deseguida lle pareceu que non actuara de xeito adecuado.
Gustou a idea de que todo ocurra entre dous escritores, que haxa un libro dentro doutro libro e os consellos que Harry lle daba a a Marcus que lle valían para escribir e para a vida. Aquel de que o importante é saber caer podería ser o lema de moit@s.
Un personaxe que despertou compaixón foi Luther Caleb. Pobre home! Parece que non lle podía pasar nada máis que estar a piques de morrer dunha paliza( escea forte , forte) e ao final atrae todas as desgrazas.Menos mal que , ao final , Marcus, nunha máxica acción , logra que sexa querido e admirado polas súas dotes artísticas e , dalgún xeito, restituírlle o crédito.
Todos os capítulos nos que se fala de "El Formidable" son fantásticos. Reflexo de tant@s na sociedade de hoxe.O importante é parecer, crearte un personaxe que che dé prestixo e che axude a medrar.
E ese lazo coa realidade cotiá e vulgar ,un pouco incompresible, que cremos representa a nai do escritor novo na novela serve para... Estámonos preguntando que pinta aí!
E do libro lido , destas e outras opinións ,pasamos a Domingo Villar , autor que nos gusta moito e do que, coma auga de maio,  levamos agardando que publique o terceiro título . Non sei se non será que o noso Villar é un pouco coma os protagonistas da novela ,que tralo éxito dos seus primeiros libros nunca se contenta co que escribe?? Cremos que nolo debería dar a ler.Seguro que somos mellores críticos ca el mesmo.
E entre anacos da torta que trouxo unha nai ( grazas!!) e  opinións sobre outros libros  ; sobre a habilidade  , que botamos de menos entre a rapazada ,de imaxinar cada paixase, cada situación das novelas que lemos; e mesmo sobre a revalida de 3º de Primaria neste novo sistema educativo pasamos un par de horas na agradable compaña duns e doutras.
Un ano máis pedían deberes para o verán. De novo quedamos en ler todo o que puidésemos e dar conta do que nos gustou ao comezo do novo curso.
Non por moito repetilo perde valor,grazas amig@s, foi un verdadeiro pracer !!

27 may 2015

Progresa axeitadamente


As caras  reflicten o estado de ánimo  e o carácter das rapazas e rapaces que están na fotografía. Son alegres, simpáticos, participativos, xenerosos, críticos...

E todas as persoas que non podedes ver na fotografía son iguais.

E con esas caras, e outras similares,o pasado martes , xuntámonos para  analizar a marcha do club de lectura neste curso que case se nos vai.

Pedímoslles que nos falaran do  que lles gustou ( para non cambialo)  e o que cren que podiamos cambiar para mellorar.
Como actividades que desexan conservar destacaron a reunión conxunta de todos os sectores do club para comentar unha lectura común. Lembraban os seus desexos de coñecer a perspectiva dos pais , as opinións do profesorado con relación ao lido e o alto grao de satisfacción acadado despois do faladoiro. Sinalamos esta porque foi novidosa este curso.Obviamente as viaxes culturais coa Quenda e a festa de fin de curso tampouco queren que desaparezan.
Manterían  todo o demais tamén pero , agora viría o malo que é bo porque pretende corrixir e mellorar o funcionamento do club, introducirían algúns cambios. Por exemplo eles tamén se queixan do pouco tempo do que dispomos.Barallamos  opcións  mais  ao tratarse dun centro onde a maioría do alumnado é transportado temos problemas para facer as reunións polas tardes.Pode que consensuemos  algunhas reunións vespertinas no 2015-2016.
Sobre o xeito de publicitar os días de reunión , confesaron que , con excesiva frecuencia, non len os carteis nin consultan o blog nin as redes sociais polo que ás veces se enteran o propio día da reunión.Neste intre unha alumna propuxo que as anotásemos no calendario de exames que tod@s teñen no taboleiro da clase, ese que si consultan con asiduidade.E tod@s consideramos que foi unha suxestión interesante. Probaremos .
Pola nosa parte ,as mediadoras  manifestamos que no vindeiro curso temos que artellar unha maneira máis operativa  de circulación dos exemplares de lectura entre o alumnado.Xa matinaremos.
Lembrámoslles que no verán é agradable ter un libro a man e que o poden levar da biblioteca.
Todos e todas quedamos en anotar aqueles  que leamos nas vacacións e que nos parezan interesantes para propoñer como lecturas  no próximo curso.
Rematada  a sesión de valoración , @s asistentes concordamos : que pena que remate "o club" por este curso ...menos mal que veñen as vacacións!

26 may 2015

Reunión de pais,nais, amigos do club

Sabedes xa quen matou a Nola Kellergan? Soubéstelo dende o principio? Que foi o que más vos gustou da lectura ? E o que menos? Namorouvos algún pesonaxe? Eliminariades algún outro?
Estas  e outras moitas cuestións poñeremos  sobre a mesa mañá mércores, ás 17.15 h.
Se vos metestes na historia que conta La verdad sobre el caso de Harry Quebert  e vos deixastes engaiolar polos xogos narrativos do autor ,podedes vir a compartir connosco  as vosas opinións  á Biblioteca do I.E.S.
Xa teño algúns pareceres  de varias persoas que  leron a novela pero é máis gratificante opinar mentres estamos tod@s xunt@s porque uns comentarios lévannos a outros e así, pouquiño a pouco,meterémonos no papel de críticos literarios.
Que se nos da moi ben iso de criticar!

25 may 2015

Reunión da rapazada do club

Querid@s amigos e amigas :
vaise achegando fin de curso e chega a hora de facer balance, de falar , comentar, valorar as actividades que realizamos ao longo deste ano académico dentro do Club de Lectura.
Con espíritu crítico faremos unha análise que nos permita manter o que funciona e  introducir os cambios necesarios para mellorar na vindeira campaña.
E precisamos a vosa participación, a de todos e todas os integrantes dos oito grupos do alumnado , na reunión do vindeiro martes,26 de maio, na Aula Multimedia. Ás 11:15, coma sempre.
Agardámosvos!!

A Quenda do Libro viaxa a Allariz e Ourense

Desta volta eran os maiores do club os que viaxaban  para vivir unha xornada de convivencia entre a rapazada e desta coa poesía.
Lamentablemente non puideron asistir, por razóns varias, un fato de rapaces e rapazas  aos que lles queremos dicir que tamén estiveron connosco.
Saímos  do Lama das Quendas trinta e cinco persoas  coa  arela de pasar unha boa xornada por terras ourensanas. E así foi.
Chegamos a Allariz onde quedaramos coa guia , Vanesa , coa que paseamos pola beira do Arnoia e polo casco histórico mentres nos ofrecía abondosas explicacións sobre a historia e os monumentos da vila.O día era soleado e agradable para camiñar e a rapazada gozou co paseo e mesmo aproveitaron anacos para comentarme que xa  leran tal ou cal libro ou as sensacións que lles provocaban as lecturas coas que están. 

E  foi no Museo da Moda e o Museo do Xoguete onde realmente o pasamos "coma nenos".
No da moda vestíronse cos traxes  expostos e , presentad@s por un "mestre de cerimonias" improvisado, desfilaron dous mozos e dúas mozas ante os aplausos dos compañeiros e compañeiras.Mesmo saíu  a "deseñadora" acompañada  d@s modelos para recoller as felicitacións finais.

No do xoguete  puideron ver múltiples xogos e xoguetes cos que nos divertiamos os nenos e nenas doutra xeración. Realmente so se nos oía ás profesoras dicir " este tíñao eu" esto "tíñao meu irmán". Foi interesante que contemplasen estas,para eles ,"reliquias" coas que dificilmente saberían entreterse hoxe.
O maior interés amosárono por un fútbolín do que lles chocou que non se parecera moito aos de agora e ,aínda máis, que fose para as  mulleres.
Despois, dirixímonos  a Requeixo de Valverde para pasear polo  Ecoespazo O Rexo onde puidemos contemplar as esculturas e pinturas de Agustín Ibarrola antes de encamiñarnos a Ourense para ver o Monumento de As Burgas. Ao seu carón , á sombra lemos e escoitamos poemas do libro Calados Esconxuros do poeta ourensán Antón Tovar.
Un paseo polo casco histórico, algo fresco na Praza Maior e... destino ás Burgas de canedo e Pozas de Outariz!
Alí acabamos esta viaxe da que cómpre subliñar o saber estar do alumnado en calquera dos lugares visitados e a fantástica camaradaría que existiu durante todo o día entre todos e todas.
De verdade : foi un pracer!!!

24 may 2015

Poemiñas.Poetúas.Poenosas




23 may 2015

Cociñando versos


O pasado 19 de maio un grupo de alumn@s de2º B traballaron cos versos de Manuel María que aparecen no libro Os soños na Gaiola  ao igual que fixeron os seus compañeiros do outro curso.
Escolleron o verso que máis lles gustaba e despois fóronse colocando en diferentes posicións de xeito que os poemas resultantes, lendo os versos en diferente orde, foron ...como dicilo? Curiosos!!
 
 Logo,en equipos traballaron o poema O Sol  que  ían modificando ata conseguir un poema paralelo. 
Houbo tantos coma grupos pero , cando os publiquemos, pensade  que fixemos unha escolma para non ser demasiado reiterativos e así so publicaremos un par deles.

 
 
Neste grupo non deu tempo a máis e non puideron preparar a sobremesa co poema Xogos .
Pero non quedaredes sen ela porque  os compañeiros de A comparten a súa que foi abondosa. Xa veredes.



Co tempo esgotado rematou a reunión que, debemos sinalar, comezara coa entrega do premio á parella que máis acertos tivo no Rosco da Lectura da reunión anterior. 
Satisfeit@s da xornada entre "fogóns" deixamos  o noso particular "masterchef" para reintegrarnos ás tarefas lectivas.

20 may 2015

Menú poético


Na derradeira reunión deste curso, o alumnado de 2º A  que asistiu ao Club de lectura quixo facer unha foto de "familia" despois de elaborar un exquisito menú poético.
Como neste trimestre traballamos Os soños na Gaiola de Manuel María hoxe comezamos a sesión escollendo, cada rapaz e rapaza, un verso deste poemario.Ao final, xuntámolos todos, en diferentes ordes, e resultou algún poema chulo que máis adiante  vos daremos a coñecer.
Xa tiñamos cociñados os "Entrantes variados" e a nós, aos de A,  tocábanos  preparar a sobremesa pero tivemos tempo de improvisar un primeror prato que consistiu en facer un poema semellante ao de "O Sol" que o poeta chairego nos  regalou. Xa teredes ocasión de leelo.
E xa para rematar, @s nos@s amig@s de 2º A prepararon unha saborosa sobremesa  con "Xogos", outro dos textos do libro traballado.Nesta ocasión , en equipos de dous ou tres  responderon á cuestión da derradeira estrofa:" Dime a que queres xogar? /Dime neno, o teu anceio." E sairon textos, a verdade é que, un chisco forzados pero é que non estabamos entrenados.
Foi un gusto traballar con esta rapazada todo o curso, é un pracer escoitar o seu pesar por non poder xuntarnos noutra destas reunións porque o curso case remata.
Eso si, queda a festa final, na que todo o Club compartirá un tempo de lecer e... comerá de verdade!


18 may 2015

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

Amigos e amigas de 2º de ESO, lembrade  que o martes, 19 de maio teremos  a penúltima reunión do club neste curso.
Coma sempre un grupo ,neste caso 2º B, estará na Aula de 1º A e o outro, nesta ocasión 2º A ,acudirá á Aula Multimedia.
Imos cociñar poemas. Que como imos facelo? Pois xa están os fogóns encendidos e as potas a punto de romper a ferver... mañá , ás 11:15 h  veremos que tal se nos da iso de ser cociñeir@s.

17 may 2015

Día das Letras Galegas 2015

Sabemos que  hai moitas persoas ás que lles amola, por razóns ben diferentes, que haxa un día adicado ás Letras Galegas.
A uns non lle gusta porque "pasan" do galego e as súas cousas. A outros, porque consideran que, do mesmo xeito que non hai un día das letras castelás ou españolas, tampouco debería ser necesaria a existencia dun día así na lingua galega...
Sen entrar a polemizar ,a pesar das opinións duns e doutros, dende A Quenda do Libro queremos desexarvos un feliz Día das Letras Galegas   porque queremos contribuír a que á nosa lingua teña longa vida; que teña ,non mil , senón milleiros de primaveras máis.
Cada lingua é un instrumento de comunicación que denota a idiosincrasia propia dun pobo. Nós non queremos perder a nosa marca distintiva , non queremos perder o que é noso.
Feliz Día das Letras galegas!!!

14 may 2015

Imaxes da viaxe polo Concello de Monforte

Ola amiguiñ@s!
Como cada ano,en  cada viaxe que realiza o Club de Lectura, Alfonso, o coordinador do equipo da Biblioteca do I.E.S. , vai preparado coa cámara de vídeo  para rexistrar quen imos, onde imos e que facemos.
Despois selecciona as súas imaxes  e as fotografías que outras persoas lle aportamos, ponlle unha música agradable e consegue unha película como a que podedes ver xa. Grazas.


13 may 2015

Monforte, poesía e rapazada: unha boa mesturanza

O pasado martes, 12 de maio, tivo lugar unha reunión extraordinaria do Club de Lectura.Foi especial porque asistiu o alumnado de 1º e 2º de E.S.O. ,porque durou toda a xornada lectiva e porque se realizou fóra do noso instituto, lugar habitual de xuntanza.
Ao longo da mañá levamos a cabo diferentes actividades que comezaron en San Vicente do Pino en Monforte de Lemos , onde, ademáis de coñecer a historia dos monumentos que alí se atopan, de oír falar de Quevedo, Lope de Vega, Cervantes...,lemos algúns poemas de Manuel María quen, se ben era chairego,viviu moitos anos na Cidade do Cabe onde está a estatua que recoñece a admiración que por el sentían os que foron seus veciños.
Poemas de Os soños na gaiola ao pé da Torre do Homenaxe , a carón do Palacio Condal .Visitantes que saían do antigo Convento Benedictino ,e hoxe Parador de Turismo, puideron escoitar Labrego, O río ,O sol, Galicia...Soaron as palabras de Manuel María, outra vez, na cidade que tanto amou e da que é fillo adoptivo.
Posteriormente dirixímonos a Tor onde puidemos recorrer o Pazo trasladándonos por un bo espazo de tempo ao pasado.
As estancias,o mobiliario, os obxectos...fóronnos contando a historia da casa , dos seus moradores,familia e amigos, e a nosa propia historia.
Alí nos falaron de Uxío Novoneyra ou Valle-Inclán, recoñecidos escritores que eran visitantes  do pazo noutras épocas.Hoxe non vive ninguén pero non é un Pazo Baleiro   coma o de Xabier P. Docampo que o nosos alumnado coñecía.
E outra referencia literaria que apuntou a rapazada de 2º foi a de Los armarios negros de J.M. Gisbert en canto viron o enorme armario que cubría unha das paredes da Sala de Xogos.
Prestamos atención ás explicacións dos guías  que tan amablemente nos atenderon e saciaron a curiosidade  do alumnado e profesorado acompañante que acabamos a visita paseando polo exterior do pazo visitando a fragua, vendo as carruaxes e a maqueta do Apóstolo.
Grazas aos guías do Pazo de Tor.
Xa para rematar a xornada festiva  acabamos nos Escolapios ,edificio histórico do que xa falaramos cando o vimos dende San Vicente.
Na praza   que ten diante  o "Escorial Galego"acabamos tod@s repoñendo forzas e adozando a boca con algún xeado porrque a calor era abafante.
Ao rematar  esta boa xeira de convivencia entre o alumando de 1º e 2º  quedamos con ganas de máis. Para o ano que vén!













7 may 2015

"En estos libros estáis todos vosotros"


Despois de agradecerlles que leran os seus libros ( porque a maioría cando acabou con Nata e Chocolate comezou con  ¡ Nata e Chocolate  invencibles! )  e de manifestar a súa ledicia por escoitarlles dicir que lles gustaran moito,Alicia Borrás,  pronunciou as palabras que dan título á entrada  que deixaron ao alumnado de 1º descolocado por uns segundos, ata que se decataron do significado da  frase.
A autora adicou uns quince minutos para explicar as súas motivacións para escribir estas novelas,como realizou a súa tarefa,quen lle deu ánimos para que lla entregase á editorial e a pronta resposta desta, para goce de tod@s nós.
Esta muller, adicada tamén ao teatro e á dobraxe, confesounos que lle gustaría vivir da escritura e defendeu con vehemencia o dereito á liberdade das persoas no máis amplo sentido do termo.Quedounos claro que é unha persoa moi sensible que amosa empatía cos que sofren.
Iniciouse logo a quenda de preguntas que se prolongou durante aproximadamente unha hora. A rapazada formulou todas aquelas que lle xurdiron ao ler as novelas e outras que se lle ocurrían tralas explicacións da autora quen nos comentou mesmo algunha anécdota acontecida entre o seu irmán, o que fora médico da Selección Española de fútbol, e xogadores tan importantes como Casillas, porteiro da roxa, como se lle deu en chamar..
Alicia Borrás afirmou ter estado encantada e felicitou ao alumnado pola súa participación no encontro.
Xa un día despois, coa perspectiva do tempo, as palabras da rapazada  cualificando a Alicia Borrás foron: alegre,amable, optimista,espontánea,cercana, cariñosa, sinxela...
E algo do que quedaron profundamente agradecidos foi das palabras  que dixo a favor dos adolescentes coma eles,gustoulles moito que os eloxiara.
Reunións así son todo un pracer.





6 may 2015

Todas somos princesas!

As rapazas de 4º de E.S.O. que asistiron á reunión do Club son unhas fermosas princesas afeccionadas á lectura e xenerosas compartindo as súas opinións e sensacións despois de ler a novela Buenos días Princesa!  de Blue Jeans.
A xuntanza servíu para repasar o argumento e facer varios comentarios a propósito dos personaxes ou a trama do libro.
Así ,o que máis lle gustou a algunha foi a relación tan estupenda que se creou entre Val e Raúl e  quedou prendida de Raúl para sempre! Outra  sentiu que César é un pesonaxe atractivo aínda que ao comezo provocase dúbidas en canto ás súas intencións.Unha terceira rapaza, afirmou que a parte na que María pensa en irse co seu pai porque este está mal ,foi un momento da lectura que a marcou moito, meteuse moito nesa historia e fíxoa chorar incluso. Esta mesma rapaza quere ler ( xa a buscou na biblioteca do centro pero está emprestado) No sonrías que me enamoro agardando lle dé resposta a algunhas dúbidas que lle xurdiron ao finalizar esta novela.E estaba  encantada co abrazo  de Raúl á súa nai  pedidndo desculpas polo trato que lle dispensara.
Así cadaquén foi falando do libro en función da pegada que este deixou. E todas concordaban en que o bico da despedida de María descolocounas, non agardaban tal.Houbo quen volveu atrás e releu o texto porque non entendera o que pasaba.
De como elas se comportan cos seus amig@s  e do que comparten;dos problemas familiares que tod@s temos; dos diferentes niveis de esixencia coa familia e amig@s ... de todo iso e máis falabamos cando o timbre nos devolveu á realidade  e houbo que abandonar o faladoiro mais non quitarán o libro da cabeza por un tempo porque lles encantou ,e o que gusta  deixa sempre un pouso...
 

4 may 2015

O martes visítanos Alicia Borrás

Como consigue , Alicia Borrás, transmitir a uns lectores xóvenes situacións tan desagradables sen facer que os seus libros parezan violentos?
Esta pregunta se facía unha alumna de 1º de E.S.O. cando comentamos Nata y Chocolate  porque  ela lera, ademais, Nata y Chocolate invencibles.
Esta rapaza e @s que queiran poderán presentarlle á autora  as cuestións que desexen no encontro que teremos con ela o vindeiro martes, 5  de maio, ás 13:00 h, no salón de Actos do Instituto.
A rapazada, dende que soubo da súa visita ,está inqueda e desexando atoparse cunha autora que deixou pegada neles.


3 may 2015

Reunión do alumnado de 4º de E.S.O.

Ti tamén és unha desas persoas que leu Buenos días Princesa en catro días igual que V.? Que che pareceu o libro? Identifícaste con algún dos personaxes? Recomendarías a súa lectura? Por que?
De isto e de todo o que queirades falaremos o vindeiro  5 de maio, na  Aula Multimedia.
Traede outras propostas de lectura porque se achega o verán e aceptamos, coma sempre, suxestións para pasalo ben.
Ás 11:15  do  martes, vémonos e falamos.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India