28 nov 2014

Os libros moi cargados con impostos


Os nosos irmáns chilenos reclaman a baixada dos impostos sobre os libros e nas súas manifestacións portan pancartas coma a da fotografía  na mencionan o gravamen que impoñen noutros países.
O que nos congratula  aos españois é a actitude de Perú , Brasil e  Arxentina que aplican o 0% de recargo sobre estes bens de primeira necesidade para a cultura.
Ás veces un pobo non le porque os seus gobernantes penalizan esta actividade. 
Por que o fan?
Hai moito, moito  tempo lin nun libro unha frase que quedou gravada na miña cabeza e durante moito tempo, nun cartel, ocupou un anaco da parede do meu cuarto:" A cultura é unha cousa que abre os ollos , e si non os abre non é cultura." Deducirei que os que mandan  téñeno máis doado se temos os ollos pechados?

27 nov 2014

Vivimos nunha sociedade machista?


O pasado martes, tamén cos alumnos e alumnas de 2º E.S.O.   B celebramos o Día Mundial da Non a  Violencia contra a Muller.
A reunión foi participativa e un "chisco " polémica.
Os rapaces sentaron,por iniciativa propia, separados das rapazas,as cales , á súa vez, constituían un grupo , de menor número de compoñentes, no que había un único mozo.
As fotografías pódenvos dar unha idea da situación:









Ao ser preguntados polo motivo de tal disposición, eles dixeron que as"chicas"non sabían falar de fútbol, mentres elas consideraban que os mozos da súa idade, coa excepción do que as acompañaba, eran inmaduros e moi infantís e semellaban ter uns catro anos.
Preguntámoslles aos mozos que pensarían se recibisen como regalo un ramo de flores.E ,excepto dous,todos o consideraron inapropiado, mesmo un sinalou que algo así era unha "mariconada".( Non pensaron en Indurain, Armstrong,Contador ... que moitos ramos de flores recibiron como agasallo)
No que coincidiron alumnos e alumnas foi en considerar como "normal" e un símbolo de afecto e preocupación pola parella , o feito de que o rapaz rexistrase as chamadas do móbil da súa moza e indagase nas que procedían de persoas do sexo masculino, que valorase a maneira de vestir da súa parella, que quixese saber todo acerca das saídas desta... Foron moi poucos e poucas @s que vían neste tipo de conducta un exceso de control por parte da parella.
Ao pedirlles que asociasen unha serie de adxectivos aos dous sexos, o emparellamento foi totalmente tópico, así:dóce, sensible,emocional, feble... foron considerados tipicamente femininos , mentres que outros como forte, atrevido,decidido,valente, se lles asociaron aos rapaces.
O mesmo aconteceu coas tarefas domésticas,Parece ser que na maioría das súas casas a nai limpa,cociña, coida os fillos , traballa fóra, e asume o coidado dos avós e da familia, en xeral; mentres, os homes actúan como posible auxilio para as averías eléctricas, atrancos nos desaugues...
Eu que pensaba que estabamos cambiando!





26 nov 2014

Igualdade entre sexos

O alumnado de 2º A de E.S.O. ( nesta ocasión 8 rapaces e 14 rapazas) ten moi claro que os homes e as mulleres somos iguais , que primeiro somos persoas , e que no que se refire ás tarefas, por exemplo, do fogar o lóxico é compartilas.
Aínda así,tamén saben, tod@s sabemos que hai tarefas como tender a roupa ou limpar a casa , o baño... que practicamente sempre fan as mulleres, e outras como arranxar un enchufe que fan os homes na meirande parte dos casos.
Escollemos cualidades dunha longa lista e atribuímosllas a homes ou mulleres e, así,de primeiras, parece que nós somos dóces, sensibles, intuitivas,observadoras...; mentres que eles son indecisos,  intransixentes e aportan seguridade. Curioso que ámbos somos valentes e creativ@s.
Este alumnado  coñece os riscos dunha educación non igualitaria e avoga pola coeducación e respecto entre as persoas.
No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres comentamos actuacións que puideran confundirse con exceso de cariño , ou afecto a secas, é que, na realidade , poden ser o comezo de situacións indesexables.
Tralo visionado , e posterior comentario, dos dous spots que a Biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas, en colaboración con Televinte, fixo hai un par de anos contra a violencia de xénero , demos por rematada a reunión e posaron ben  mesturadiñ@s para a foto.

25 nov 2014

NON A VIOLENCIA DE XÉNERO!



Este é un dos spots que a Biblioteca do Lama das Quendas filmou con alumnado do centro e a colaboración de Televinte para conmemorar este Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres no 2012.
Segue tendo plena vixencia.
Igual que estoutro:


23 nov 2014

O alumnado de 2º de E.S.O. A e B preparado

Sabémolo, rapaces e rapazas de 2º de E.S.O., sabemos que o vindeiro martes,25 de novembro, data na que se conmemora a  Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, acudiredes aos lugares de reunión para celebrar a do noso Club de Lectura.
Vide preparados que temos moito que comentar de David,Branca, Lúa e de nós mesm@s.
Por certo, a ver se ,durante a lectura atopastes algún fragmento no que hai unha explícita defensa da igualdade entre as persoas. 
Vémonos! E falaremos!
 

20 nov 2014

Xogamos cos libros?


De novo propoñémosvos  que digades o título de un libro .

Nesta ocasión,  e a proposta de Rocío  ( quen dixo que tiña que ser algo difícil ) , teremos que  escribir algún que comece por Z.

Cantos lograremos? Gañaralle o Z ao A?

Saberémolo a partir de...xa!

19 nov 2014

Un saquiño de misterios

 Así foi a reunión de hoxe coa rapazada de 1º de E.S.O  B, claro que había moi bos  detectives e case todos os segredos que encerraban as adiviñas que trouxeron os rapaces foron descubertos. Con todo, houbo tres que resultaron especialmente difíciles, aí vos vai o reto a ver se sodes quen de descubrir a solución:

"Adiviña, adiviña: ten coroa e non é rei, ten escamas e non é peixe".?

"Anda e non ten pés, come e non ten boca, e toda a comida lle parece pouca"?

"Non me quere o que me fai, non me usa o que me compra e non me ve o que me utiliza"?

Seredes tan hábiles para a descoberta como os protagonistas dos nosos libros de lectura?
Os de 1º B durante a sesión

18 nov 2014

As pistas leváronnos ao "buzón"

Pois si,as rapazas de 1º A chegaron coa solución da adiviña  que tiñamos na entrada anterior do blog.Tratábase dunha das  palabras que aparece no título da súa lectura e que a Academia Galega nos di que a forma correcta de chamarlle é "caixa do correo".
E ademais, ben mandadiñas, traían outras que fomos lendo e ás que lles procuramos unha solución. Non foi doado nalgúns casos ,mesmo tivemos que rendernos  e rogar que nos dixesen de que falaban en tres ou catro ocasións.
Pasámolo moi ben,como se desprende da imaxe  da fotografía, e puxemos a nosa mente a discorrer.
Para que poñades a vosa, os que non viñestes á reunión, velaí van as máis difíciles,na nosa opinión:
Natalia traía esta:"No es león y tiene garra/ no es pato y tiene pata".Pensade un chisco e xogade coas palabras.
Paula fíxonos pensar con esta: "Capote sobre capote/ botón do memso pano./Andarás e andarás/ e non adiviñarás nun ano". A verdade é que case choramos porque nos levou  unha miguiña.
Iris, que traía máis que ninguén,deixounos  esta:" Un valiente domador que tiene la intrepidez de enseñar a la niñez". Non é complicado saber de quen estamos falando.Estoutra, que trouxo a mesma rapaza,é fantástica, :" De día llenos de carne, de noche con la boca al aire".Veña, poñede a traballar os miolos!
Se queredes escribide no noso blog,facebook ou twitter as que credes son as vosas respostas correctas. E xa vos diremos se é certo.
A maiores, na xuntanza, quedamos para o 9 de decembro , data na que comentaremos o libro de lectura; falamos de como recomendar libros para o Nadal ,e mais acordamos que condición debe cumprir o título  que ides poder propoñer en Xogamos cos títulos dos libros?.Pero de momento non vos anticipamos nada.
Non houbo tempo para máis.Por desgraza, o pesadelo do timbre fíxonos volver, a cada unha,  ás súas tarefas cotiás.
Que bo sabor de boca...

16 nov 2014

Reunión do alumnado de 1º de E.S.O. A e B

Ola amiguiñ@s!
Si, o venres tócanos de novo xuntarnos no club de lectura.
@s de 1º A estará na Aula de clase de 1º B e @s de 1º B , desta volta, acudirán á Aula Multimedia.Xa sabedes so estaremos separados polo corredor. 
Pero cada alumno e cada alumna  queremos que chegue con dúas cousas. A saber: en primeiro lugar , coa solución da adiviña que vos imos deixar máis abaixo; e como segunda,  con unha adiviña no peto para encher un cesto delas. 
Podedes traer cantas adiviñas queirades , en calquera idioma . 
A ver se nos non couberan e tivesemos que repartilas e  levar ,cada un, unhas poucas para a casa.
Velaí vai a adiviña  á que lle debedes atopar solución:
Teño boca mais non trabo.
Trago moito e non engordo.
Gústame moito o papel,
pero non sei que vai nel.
Teño visitas arreo
 duns señores de amarelo.
Eu non me movo do sitio
pois non quero perder ripio.
Vémonos.
Aburiño!

12 nov 2014

Vivir, ler, amar...conxuguémolos

A ducia de persoas que estivemos na Aula Multimedia o pasado martes, 11 de novembro, compartimos o gusto pola lectura,afección que favorece a nosa  relación dende hai anos.
Como Hazel e Augustus, os protagonistas de Bajo la misma estrella, uns lemos os libros que lles gustan aos outros,e nesta ocasión a proposta é ler o libro de John Green que xa mentamos.
Como a parella da novela padece cancro,e aproveitando que o luns anterior fora o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento , visionamos un vídeo da Asociación Española contra o Cancro (AECC) que foi moi do agrado d@s alumn@s pola claridade e precisión que desprende.(E eles poden opinar porque están a voltas coa "célula" en Bioloxía ). No vídeo fálase do que é o cancro e do desenvolvemento científico  na procura de remedios para o mesmo.Velaí o tedes por se vos interesa Vídeo ¿Qué es el cáncer?
Logo,  o tráiler que promociona a película  que se fixo a partir da novela de Green, serviu para  anticiparnos o que nos agarda ao longo das páxinas que quedamos de ler para xaneiro.
O alumnado de 4º tamén foi informado das nosas redes sociais e  , tanto @s nov@s no club coma @s veteran@s,tomaron boa nota de todo porque, esa mesma xornada,xa apareceron polo noso Blog  e están a participar na actividade de Xogamos cos títulos dos libros que , deseguida, lles reultou atraínte.
Rematou a reunión co entusiasmo  que lles caracteriza e saían da aula  conversando  sobre cal era a "Hora de ler" nesta Semana para ver se podían comezar as primeiras páxinas do libro que algúns levaban.Tiñan tantas ganas!
Por uns días xa sei como imaxinarvos: na casa , ao quentiño, co libro na man e, pode que , vou facer de meiga, ...algo  se vos meta nos ollos e vos faga caer algunha bágoa.
Boas lecturas!!

9 nov 2014

Rapazada de 4º de E.S.O,vide correndo.Degustaremos as estrelas

                                                                                        
Parafraseando a John Green, sentamos  nunha cadeira , na Aula Multimedia , observamos a porta, a única que se abría, e chamámosvos...
Xa sabedes  o día , a hora e para que.
Agardámosvos.
Si, a vós,a tod@s @s que queirades pasar un bo anaco entre libros e lecturas.
Aburiño!

8 nov 2014

Xogamos cos títulos dos libros?


Xogar cos títulos dos libros é unha actividade que propuxemos hai uns días dende o facebook do noso club.
Como facelo? É doado.Esteas onde esteas, sexas quen sexas, se entras no  facebook de A Quenda do Libro atoparás unha  entrada na que vos pedimos que escribades o título dun libro que, neste caso, comece por A ( máis adiante iremos poñendo outras condicións). Podes facelo en galego, castelán, francés, inglés e/ou portugués ( por iso de seren os idiomas que se estudan no Lama das Quendas).
Seguro que tedes unha chea de títulos na cabeza e na casa. Non precisamos que sexa un que vos gustara.Pode ser o contrario ou mesmo podedes non telo lido.Mesmo podedes aportar imaxes do voso exemplar ou , por exemplo, da dedicatoria coa que o  autor/a  vos agasallou ( eu agardei máis de dous anos pola que vedes na foto ,a de Xabier Quiroga no meu Atuado na Braña).
Gozaremos coas vosas achegas que , mesmo,nos servirán de suxestións para novas lecturas.
Colabora connosco.
Grazas de tod@s @s Quendas!!

4 nov 2014

Todos los sueños con pájaros son de buena salud

Hoxe había reunión co alumnado de 1º de Bacharelato ( A e B).No encontro, os comentarios tipo"chegou o frío", "xa estamos cansos da choiva" ou" agora si que caen as follas" estaban nas bocas de tod@s.
Era o único do que queriamos falar porque estes rapaces e rapazas non lograron rematar o libro proposto.Na imaxe , algúns sinalan o seu punto de lectura. Están sobrecargados de exames e lecturas obrigadas. Logo, para non destripar o final do relato aos que aínda percorren ,cos diferentes personaxes , a península de Guajira ( e privarlles  do gusto de  vivilo persoalmente) decidimos  manter a lectura ata a seguinte reunión  na que xa terán finalizada a novela.
Non me queda máis que utilizar a frase do título que tomamos prestada da  nai de Santiago Nasar e desexarlles @s de Bac ( e a vós) que todos os soños estean cheos de paxaros e árbores.

1 nov 2014

Xa temos que ler!

Apocalipsis Z.El principio del fin / Apocalipse Z.O principio da fin. Este foi o título gañador trala votación realizada polo profesorado e persoal non do cente  que pertence ao club de lectura.
Será a lectura deste primeiro trimestre.
Podemos lelo en galego ou castelán porque o temos en ambos idiomas. Manel Loureiro, autor galego,  escribiuno en castelán e a versión galega non é tradución súa.
É o primeiro libro dunha triloxía.Neste cóntase como ,no mundo de Zapatero, Rajoy e demais, hai unha pandemia provocada polo ébola. 
A primeira edición é do 2007, logo non é un caso de oportunismo.

Cada profesor/a que propuxo un libro proporcionou aos demais argumentos que nos axudaron a decidirnos, e baseándonos neles escollemos en segundo lugar a novela de Orson Scott titulada El juego de Ender .
A novela narra a formación dunha personalidade excepcional nun ambiente de gran presión e complexidade tecnolóxica. Fala dos parias,dos líderes e de como se pode ser ambas cousas a un tempo. Fala da guerra, da victoria, do fracaso persoal, de cantas maneiras hai de gañar e perder.E fala de como se pode saír victorioso e sentirse un fracasado.
Parece que hai película pero seica  non se pode comparar co libro que leremos no segundo trimestre do curso.



  
Resultou  ser a terceira obra máis votada esta de Vargas Llosa: El héroe discreto. 
Direivos que,  na súa defensa , unha compañeira escribiu "porque es genial".
Polo que puiden indagar ,non é Vargas Llosa   o escritor de cabeceira de ningún de nós , mais  no terceiro trimestre, xa no 2015, teremos ocasión de gozar con esta novela que ten un título tan suxerente.



Na carreira por seren escollidas quedaron títulos coma  La verdad sobre el caso de Harry Quebert, de Joël Dicker ; La joven de las naranjas, de Jostein Gaarder; Drácula, de Bram Stoker , La lluvia amarilla, de Julio Lamazares ou De guardia con Óscar ,de David Dosa.Pero , que  non sexan unha das lecturas escollidas non significa que  non vaian ser lidas. Máis ben ao contrario, @s que nos gusta ler o que nos fan falla son suxestións varias.
E vós, calquera dos qeu nos ledes podedes probar  a leelas e despois contádesnos.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India