31 oct 2014

De libros ... e máis

O pasado mércores, 29 de outubro, pola tarde,ás 17:30 , na Biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas tivemos a reunión cos pais e nais ( que foron @s que viñeron aínda que están invitadas todas as  persoas con inquietudes lectoras e con gañas de compartir a súa experiencia  cos libros).
Había  membros que  levan connosco dende a formación do club e algún outro que acudía por primeira vez.
A estas persoas fíxoselles o carné da nosa biblioteca  porque o Coordinador da mesma tamén asistiu á reunión para  axudar  nestes trámites.
Tras informar aos novos , e lembrarlle @s veteran@s , da maneira de estar ao tanto do que facemos, cando o realizamos  e das datas de reunións a través das redes sociais , respondemos á cuestión de como atopar un libro, unha película... tanto na  nosa biblioteca coma en calquera das do Concello, por exemplo, a través do Meiga.
A tod@s lles  proporcionamos copia co horario no que a biblioteca está aberta para que poidan acudir a buscar os libros que desexen. Algún estaba desexando telo porque sendo a persoa que máis usa  os servizos da Biblioteca quere ter moi claro cando o podemos atender nela.
Unha das nais asistentes , transmitiume a oferta dunha escritora galega , amiga súa, que coñecedora do que estamos a facer se presta a ter un encontro co alumnado. Recollemos a posibilidade, leremos o libro e  determinaremos para quen é axeitado e como e cando podemos ter a súa visita.Dende aquí, grazas á nai que se acordou de nós e á autora que tan xenerosamente  se nos ofrece. 
Para rematar propuxemos a lectura, Arrugas/ Engurras de Paco Roca. Trátase dun cómic , xénero que aínda non tocaramos  os adultos e que , coma sempre, acolleron de moi bo grao, con moi boa disposición.
Se ademáis puidésemos contar, dalgún xeito ,coa colaboración do autor, entón , xa sería perfecto. Imos ver ata onde podemos chegar cos trámites.
Estabamos realmente agusto pero, pasada unha hora, puxemos fin a esta reunión á que, debo mencionar,excusaron a súa asistencia catro nais que me rogaron encarecidamente que lles comunicase o libro elexido. E non só se fixo , senón que outras persoas asistentes se encagaron de facerlles chegar o cómic que imos ler.
Pai, nais asistentes... agardo xa a vindeira reunión, que por certo quedou marcada para o mércores 10 de decembro ,ás 17:15 horas.
 

29 oct 2014

Cousas, cousas, cousas...

Comezamos a xuntanza do martes, 28 de outubro, lembrándolles aos alumnos/as que nesa data se celebra o Día Mundial da Animación  e queriamos festexalo á nosa maneira  proxectando un vídeo do gran Tadeo Jones . Tiñamos todo disposto pero atopámonos  con algunhas dificultades para proxectalo e a pantalla insiste en permanecer en branco,claro que as nosas cabezas non o están e, en vez de ficar á espera do vídeo,decidimos realizar algúns xogos relacionados con Das Cousas de Ramón Lamote que é o libro que imos propoñer como lectura de 3º A de E.S.O.
Así, no texto orixinal aparece a sigla AMCFGCPF ( Asociación de Mulleres da súa Casa que Fan un Gasto Considerable en Pescada Fresca).Sen darlles o resultado convidámolos a que os  18 rapaces e rapazas asistentes pensen que poden significar todas esas letras xuntas, e sáennos propostas bastante graciosas como " Asociación de Mais Cuarentonas facendo Gustosas a Comida para Pais e Fillos" ou "Amable Médico Científico Físico Guapo Cerrado Pedro Feo","Antonte a Miña Carmen Foi Graciosa Comigo Antes de Falar","Asociación Maioritaria Con Forza Grandísima Contra partidos Falsos"...
Á pregunta , que é un Entomodelfo ? responden que é un tipo de Elfo; mentres outros cren que Marmolubio pode ser o nome dun mar.
Mentres enredamos coas "nosas cousas" e coas de Ramón Lamote, conseguimos que apareza en pantalla o vídeo de Tadeo Jones  e rimos coas  aventuras deste peculiar personaxe  no "non tan antigo" Exipto.
Agora toca ler e pasalo ben co  retranqueiro Ramón Lamote Miñato , debuxante de soños por encarga.


28 oct 2014

Quen dixo medo?

Iso dixeron os catorce rapaces e rapazas de 3º B na nosa reunión do club deste martes,28 de outubro.
Pero póñovos en antecedentes. Dado que era  hoxe Día Mundial da Animación e onte foi o Día Internacional Mundial do patrimonio Audiovisual decidimos ver unha curta durante a nosa reunión. Á procura de curtametraxes axeitadas  , e pensando que o alumnado ía ler Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo ,atopamos unha de medo. Esta foi a que vimos Fiz, o coleccionista de medos
Velaí á rapazada na Aula Multimedia.

Ao remate tocou comentar o vídeo e falar dos medos que as persoas temos.Medos reais , medos imaxinarios, medos lóxicos, medos tontos...Pero,  maioritariamente , estes de 3º  son moi valentes porque case nada lles da medo. 
Aínda así ,concordamos en que non nos agrada moito que nos peten  na porta pola noite e ter que ir abrir.
Xogamos a atopar, con pistas,o que alguén vería ao abrir a porta, remedando os xogos de nenos do "vexo,vexo".
E o que apareceu ao final foi a lectura deste trimestre que xa mencionamos antes.
Antes de ter que voltar ás aulas, recibiron información sobre como saber o que se fai no club a través das redes sociais e a rapazada amosou a súa disponibilidade para participar activamente nalgúns proxectos que ,dende o club e a Biblioteca, temos programados para este trimestre.
Coma sempre ,rapazas, rapaces foi un pracer.






Reunión de adultos do Club de Lectura

Lembramos a todas as persoas anotadas para participar no Club de Lectura deste curso que mañá mércores, ás 17:30 h , na Biblioteca do noso centro teremos a reunión para acordar a próxima lectura.
Tod@s  @s que non vos apuntastes  pero que estades interesados  podedes asistir igualmente.
Vémonos!

27 oct 2014

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

O alumnado de 3º A  e  3º B de E.S.O queda convocado á reunión do vindeiro martes,28 de outubro.Nas vosas aulas teredes o cartel cos detalles.
Vémonos!


26 oct 2014

Clausura do Mercadiño de Libros 2014


Despois de unha semana de atender o Mercadiño de Libros durante o recreo, o alumnado e o profesorado     
colaborador pechou a actividade por este ano. Concluíu así a semana de celebración do Día das Bibliotecas.
Aínda  que queda analizar máis polo miúdo os resultados, unha primeira impresión é que , a pesar da pouca asistencia do alumnado de 2º ciclo de E.S.O e bacharelato ao centro durante as xornadas de martes, mércores e xoves por mor da Folga convocada contra a L.O.M.C.E.  , resultou unha actividade interesante e  valiosa polos obxectivos de convivencia e de solidariedade propostos. 
O alumnado e o profesorado tiveron ocasión de mercar libros e algúns alumnos, arredor de 30, prestáronse libros que ou ben son dos prescritos polo profesorado dalgunha materia, ou, simplemente, lles apetecía ler.
Dada a colaboración  prestada, tanto ás mediadoras coma ós membros do Equipo da Biblioteca nos parece acertado manter a actividade para o vindeiro curso.
Dende esta páxina , queremos agradecer  as doacións feitas por diferentes profesores e persoal non docente que achegaron libros francamente interesantes e que deseguida desapareceron porque foron mercados mesmo polo alumnado de Bacharelato que desta volta  participou máis intensamente  na actividade.
Como anécdota mencionar que houbo un alumno que mercou moitos libros , en varios días. Pero o terceiro día de mercadiño comentounos "veño sen cartos porque se non sei que compro".  Todo é gastar pero noutras cousas podían estar peor investidos os cartos.
Para rematar  queremos  reiterar o agradecemento pola  participación  a tod@s con un "libroabrazo".


24 oct 2014

Feliz día das Bibliotecas

Para saber o que se está a facer nas  Bibliotecas escolares de Galicia consultade o enlace.
Na fotografía vedes o cartel feito por David Pintor para  este curso 2014-2015 co lema Biblioteca escolar... matemático!!!

Para  coñecer o que se está a facer a prol da lectura no noso centro , so tedes que acudir a biblioteca  e calquera das  persoas do equipo da mesma vos daremos cumprida información.

Non dubides en pasar pola Biblioteca , un espazo axeitado  para aprender.

Que teñades un Bo Día Das Bibliotecas!

23 oct 2014

Os de 2º A á procura dun título





O alumnado de 2º A , na Aula Multimedia, repartidos en grupos, buscaron o título da lectura do trimestre.
Despois de varios intentos, e  sen proporcionarlles pista ningunha, un equipo de rapazas deu co título da novela de Fina Casalderrey, O misterio dos fillos de Lúa
No proceso de búsqueda , e logo de ensaiar varias posibilidades coas letras entregadas , sairon combinacións como  "O dueto dos fillos Leira","Misterio dos ollos" ou "O dueto dos fillos Malireis". Algún non cumpre as condicións, pero ,quen sabe! ,pode ser o punto de partida dun relato suxerente. A mediadora repartiu os exemplares para ler  e animounos a entrar no blog para ver as nosas actividades e consultar o calendario de reunións.
O encontro, ao que aistiron todos os alumnos apuntados ,foi "moi satisfactorio e ameno" tanto  para alumnos como para  a profesora.
Non houbo tempo para máis porque o timbre chamounos a tod@s  ás clases.






A Quenda do Libro na prensa escrita

Na imaxe, a fotografía da páxina 16 da edición de EC (EnComún/Crónica del sur de Lugo) correspondente á 1ª quincena de Octubre 2014 , na que  aparece a referencia as primeiras reunións da rapazada de A Quenda do Libro.                                                       Sobre esta noticia  debemos matizar que agora mesmo somos 150 as persoas (alumnado, pais, nais, persoal non docente e profesorado) as que conformamos o Club.
Estoutra noticia que apareceu en Ribeira Sacra, un caderniño de El progreso, contén algúns erros importantes pero o esencial é certo: no noso instituto  potenciase  moito a lectura  na comunidade escolar  e esta responde con xenerosidade neste eido.
Traballar aquí, e así, é un verdadeiro pracer.                                 

22 oct 2014

Houbo e hai misterio para os de 2º B

Despois de  combinar letras, ordealas dun xeito e doutro ... lograron dar coa lectura deste trimestre. 
Pero non foi moi doado. Ao comezo,divididos en sete grupos de tres rapaces e rapazas ,e  coa indicación de  atopar o título dun libro en galego  non aparecía a novela de Fina Casalderrey senón que xurdían títulos inexistentes coma " O falso tesouro de Miill" ou  "O misterio do falso silledo".
Aínda cando  foron informados de que si,que a palabra misterio formaba parte do que buscaban non lograban achalo. Ao aclararlles que a palabra "fillos", que algún grupo tiña fixa nas súas combinacións, tamén estaba  ,sobre as mesas puidemos ler  O Misterio dos fillos de Lúa ,a obra que tiñan que ler.
O paso seguinte foi repartir os exemplares dos que dispoñíamos , un para cada rapaz ou rapaza, grazas ao C.E.I.P Eloísa Rivadulla.
Trala información sobre a presenza de A Quenda do Libro nas redes sociais e invitalos a ver o blog,facebook e  twitter, pasamos a solucionar outros enigmas  que lles presentei co xogo das preguntas que formulan ata atopar a solución. Aquí fixérono xenial porque fixeron so tres preguntas e  o "Asasinato en silencio" quedou perfectamente aclarado.
Eles afirmaron terse divertido e  non me cabe a menor dúbida.Vós podedes comprobalo nas fotografías

















18 oct 2014

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

O vindeiro martes, 21 de outubro, tócalle xuntarse ao alumnado de 2º de E.S.O.
Como sodes moitísimos, faremos un grupo cos de A  , que se reunirá na Aula Multimedia, e outro cos de  B que irá á Aula de 1º B. 
Que imos facer nas reunións? 
Misteeeeriooo.
Aburiño!

16 oct 2014

Mercadiño de Libros 2014


A vindeira semana, do 20 ao 24 de outubro, celebraremos, en colaboración coa Biblioteca do I.E.S , o Mercadiño  de Libros.

En cada aula e no taboleiro do club de lectura hai carteis que explican como participar nesta actividade coa que se pretende favorecer a convivencia e a solidariedade entre as diferentes persoas da comunidade escolar e fomentar o gusto polos libros.

Se tras os teus libros usados ao centro poderás levar outros para a casa, ben sexan prestados ou para sempre.
Se queres ler en que consiste a actividade máis polo miúdo podes facelo aquí Blog da Biblioteca
Coma sempre, se queres ter máis información , non dubides en pedírnola.
Anímate e participa!!

15 oct 2014

Chegou o tren mais tardamos un día en atopar o buzón

Onte,martes,cos de 1º de E.S.O enchemos  a Aula Multimedia.
Contabamos con 30 rapaces e  sumáronse un par de rapazas que  decidiron implicarse no noso club.
Na imaxe , na que sin que sirva de precedente , tamén se ve ás mediadoras,non se aprecia nidiamente a todos os asistentes porque algúns quedaron tapados polos compañeiros.
Tiñamos prevista unha reunión utilizando a chea de ordenadores da Aula mais a tecnoloxía xugounos unha mala pasada e non puidemos empregar mais ca o do profesor.Pero proxectado, todo foi posible.
Falamos das redes sociais nas que está A Quenda do Libro, é dicir , do noso blog, de facebook e de twitter para que a rapazada e as súas familias poidan estar ao día do que facemos e atentos ás propostas.
Explicamos a mecánica das reunións e deuse información sobre o Mercadiño de Libros que ímos celebrar na vindeira semana.
Finalmente ,o alumnado de 1º B puido recoller os exemplares de Un tren cargado de misterios de Agustín Fernández Paz porque esta vai ser a súa primeira lectura.Son todos libros que nos prestaron no C.E.I.P. Eloísa Rivadulla.
O alumnado de 1º A non puido recoller os seus porque o préstamo que pediramos ao  C.E.I.P. Xoán de Requeixo demorouse  e non dispoñíamos dos exemplares  á hora da reunión. Mais , coma vedes no título da entrada,tardamos un día en ter O Buzón dos nenos de Ursula Heinze pero xa chegaron, e cada alumno de 1º A  recolleu hoxe, un día despois, antes de marchar para a casa, o seu libro de lectura.
Así que iniciado o camiño, iremos de vagar por este club ao longo deste novo curso.
Vémonos nas vereas!!

12 oct 2014

Un tren cargado de misterios trae mensaxe para o buzón dos nenos de 1º de E.S.O.

O vindeiro martes, 14 de outubro,na Aula Multimedia xuntarémonos as dúas mediadoras cos trinta rapaces e rapazas  de 1º de E.S.O. que comezan a súa participación neste que é  o seu Club de Lectura.
Nos esquezades a nosa cita.
Ata o martes !
Aburiño!

9 oct 2014

Á procura de exemplares para ler no Club

Libros prestados polo C.E.I.P Eloísa Rivadulla
Dende a semana pasada sabemos coa rapazada coa que contamos no club.Así que ,o seguinte paso foi procurar o número de exemplares precisos para que os nosos lectores dispoñan de cadanseu libro para ler de vagar e cando poidan e queiran.
Introducíndonos nas Bibliotecas do Concello ,a través dos Catálogos Meiga, puidemos observar que no C.E.I.P  Eloísa Rivadulla  contaban cun bo número dos que nós precisabamos.
Postos en contacto coa Dirección do Centro, o director, Xabier,  deunos hora para acudir á súa Biblioteca onde dúas compañeiras ,Mª Carmen e Elba , nos axudaron  e nos fixeron o préstamo de 65 libros que a nós, no Lama das Quendas, tan ben nos veñen.
Grazas  aos mestres do  Eloísa Rivadulla pola súa colaboración e xenerosidade.

8 oct 2014

Calendario de reunións

Despois das reunións iniciais para saber o número de persoas e grupos do noso Club de Lectura , xa elaboramos o calendario de reunións coas datas de cada un dos oito grupos do alumnado.
Lembrade que , aínda que o noso habitat natural sería a Biblioteca do Instituto,  celebraremos as reunións na Aula Multimedia  e na Aula de clase que está enfronte, a de 1º B porque cada martes hai dous grupos traballando simultaneamente . E sabedes as razóns desta ubicación: a Biblioteca ábrese cada día para todos os que a queren utilizar, e como ten unha  ocupación importante e  constante imos deixar que o alumnado que non ten reunión do Club de Lectura dispoña das instalacións da biblioteca e do servizo de préstamos da mesma.
Se queredes saber a data exacta da vosa reunión picade na imaxe do calendario que aparece no noso Blog

3 oct 2014

Reunión do alumnado de 3º e 4º de E.S.O.

Durante o recreo de hoxe acudiu ao Salón de Actos do centro, a rapazada de 3º e 4º que desexa participar en A Quenda do Libro. 
Somos todos os que estamos, mais nos estamos todos os que somos porque  algúns rapaces  comunicaron a imposibilidade de estar neste primeiro encontro pola súa ausencia do instituto. Pero tiveron a deferencia de buscarnos e pedirnos que contásemos con eles. Faltaría máis!
O lugar desta primeira reunión foi escollido en previsión dunha elevada afluencia e resultou unha boa medida porque os numerosos asistentes, sobre todo de 3º de E.S.O., non caberían en ningunha das nosas aulas.
Na xuntanza de hoxe so retomamos o contacto e marcamos as liñas de actuación durante este curso 2014-2015.Liñas que serán explicadas máis polo miúdo nas reunións que programaremos para cada grupo.
Rematadas as primeiras reunións cos alumnos, e, a vista dos concorrentes, podemos  afirmar que o Club de Lectura medrou en número de alumnos e tamén en número de grupos. Dos seis grupos do ano anterior pasamos a OITO grupos neste!!! 
Alguén dubida do interés pola lectura no Lama das Quendas?
 


2 oct 2014

Reunión do alumnado de 3º e 4º de E.S.O.

Se o martes desta semana nos reunimos cos do primeiro ciclo de E.S.O.  , agora correspóndelle aos do segundo ciclo .

O vindeiro venres, 3 de outubro,   acudirá a rapazada de 3º e 4º ao Salón de Actos do centro. Explicarémoslle os nosos proxectos e,os asistentes ,faránnos chegar as súas suxestións.
Coñecemos o voso interés manifestado polos corredores do centro nos días precedentes,así que agora tócavos facer acto de presenza para comezar con forza!

Que ganiñas!!

1 oct 2014

Masiva participación do alumnado 1º e 2º de E.S.O.

     Xa vedes como estaba o Salón de Actos do noso instituto onte martes, durante o recreo. Si,cheo de rapazas e rapaces de 2º( 44 persoas) e de 1º (29 persoas) .
         Non regalamos nada físico,pero si lles damos moito agarimo e tentamos sempre encher o seu espírito e as súas mentes de sensacións, sentimentos, críticas, análises... de todas esas cousas inmateriais tan valiosas nestes tempos. 
As dúas mediadoras do Club aí estabamos  orgullosas da resposta tan positiva e tan masiva do noso alumnado  do primerio ciclo da E.S.O.
Hoxe tivemos a  confirmación de que os que  acuden un ano as nosas actividades, repiten con máis ganas aínda o curso seguinte.
Nesta primeira reunión so pretendiamos  coñecer o número de participantes para facer os grupos precisos ;explicar de maneira sinxela e por enriba ,  aos novos alumnos e alumnas sobre todo ,as actividades que realizamos,  e  , por último informalos da existencia do noso blog a onde os remitimos para consultar as datas das diferentes reunións.
A todos e todas, grazas por estar e ser de "A Quenda do Libro"

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India