30 mar 2014

Palabras e Caramelos. Palabras de Caramelo

      Ola rapazada de 1º A de E.S.O.!
     Quería lembrarvos que o martes,1 de abril, na hora do recreo , xuntarémonos na Aula Multimedia.
       Será unha sesión de
         Gustaranos!
         Vémonos!

26 mar 2014

Os de 2º B quedaron "encandeados"

        Ola amig@s!
        Onte , martes,25 de marzo, achegouse a nos amiga Candela López Lemos á Aula Multimedia do nos centro para impartir a súa clase maxistral sobre o tipo de ilustración que ela fai.
        Tivemos problemas técnicos que atrasaron o comezo da exposición pero atopamos unha solución momentánea  que permitiu que os dezaseis rapaces e rapazas que  acudiron puideran observar  a técnica que emprega e as dificultades que carrea o emprego da tablet e o ordenador para facer debuxos. A sesión desenvolveuse  pola mesma senda que cando asistiron os de 2º A ,o pasado 5 de febreiro , polo que non imos detallar en que consistiu.
          A clase continuou cunha pequena entrevista que , en breve, vos daremos a coñecer.
       Agradecemos a  xenerosidade e dispoñibilidade de Candela e pedímoslle desculpas porque as condicións técnicas non foron as mellores, pero aínda así a rapazada xa aumentou os seus coñecementos ao respecto e quedaron satisfeitos.
        Rematado o tempo da reunión fixemos esta foto para a posteridade.
 
    Coma sempre, grazas a tod@s por estar aí.
    Aburiño!

23 mar 2014

Reunión do alumnado de 2º B de E.S.O.


        O martes, 25  de marzo, clase maxistral de Candela López Lemos para o alumnado de 2º B de E.S.O.

21 mar 2014

DÍA DA ÁRBORE E DA POESÍA

        Ola amig@s!
        Neste 21 de marzo, primeiro día da primavera  e no que conmemoramos o Día da Árbore e a poesía o alumnado de 1º a e 1º B de E.S.O.  festexou o día dende o recreo.
       Primeiro remataron o mural que comezaran onte. Nel, catro fermosos castiñeiros  se foron enchendo, pouco a pouco, con follas nas que se podían ler poemiñas en galego e castelán.
       Así quedou:



       A entretida actividade do recreo non foi a única da mañá. Así que , xunto con varios profesores , a rapazada de 1º de E.S.O. dirixiu os seus pasos a carón do río Asma, na zona  das piscinas, onde , baixo a coordinación do persoal de parques e xardíns ,prantaron varias árbores. 
       Velaí os tendes en plena faena:





       Para rematar algúns rapaces e rapazas deron lectura ás poesías que tiñan preparadas: "Á Árbore" de Rabindranath Tagore  e "Himno al árbol" de Gabriela Mistral.

  



        Árbores e rapaces gozaron coa poesía. Fermosa combinación destes tres elementos.

        Quen sabe se  da experiencia de hoxe xurdirá un poema. Ou quizáis  á sombra desta árbore, prantada hoxe , alguén lerá o escribirá uns fermosos versos. Ou  ... soñemos ...
 

20 mar 2014

Preparando a celebración do 21 de marzo

        Ola!
      Hoxe  xoves, no recreo tamén funcionou o Club de lectura para realizar os preparativos da  celebración de mañá ,21 de marzo.
      Un grupo de alumn@s de 1º A e 1º B de E.S.O.  traballaron na elaboración dun  mural.
      Velaí os tedes:


       Mañá , venres , tamén nos reuniremos coa rapazada de 1º A e 1º B de E.S.O. para preparar os derradeiros detalles da actividade e colocar o mural no taboleiro do clube.
       Logo eles sairán  a celebrar o día.
       Xa vos contaremos e xa veredes. 
       A aproveitar os derradeiros latexos deste inverno!
          Ata mañá.

18 mar 2014

Hoxe quixemos ser coma Agustín Fernández Paz

       Ola!
     Na reunión de hoxe  , o alumnado de 2º A de E.S.O  xogou a ser Agustín Fernández  Paz. Como? Non, non nos colocamos un  bigote nin gafas  porque non queríamos ser coma el fisicamente senon  que intentamos poñernos no seu lugar e , a partir de un  "anuncio por palabras" dun periódico calquera puxémonos a escribir un texto narrativo.
      Traballaban en parellas ( había un grupo de tres porque unha rapaza tivo que ausentarse) e falando falando foron tecendo os enredos da trama dos seus relatos  aínda que ao principio  algúns estaban un chisco perdidos. 

       Velaí os tendes en plena tarefa creadora:





        Isto so foi o principio.Cada grupo terá as xuntanzas precisas para darlle fin a cada  narración . E cando estén todas xa volas deixaremos ler.

       Seguiremos lendo Contos por Palabras e na vindeira reunión poñeremos en común o que cadaquén pensa deste libro de Fernández Paz.
       Boas lecturas.
       Aburiño!




   

16 mar 2014

Reunión do alumnado de 2º A de E.S.O.


11 mar 2014

Como van as lecturas?


      
          Ola!
        Á reunión de hoxe, martes 11 -M , só viñeron alumnas de  4ºA e B de  E.S.O  porque os de P.D.C. tiñan unha importante actividade neste recreo e non posúen , aínda, o don da ubicuidade. Desculpámolos.
       Falamos de como ían as lecturas que nos ocupan .Non  nos metemos fondamente nelas porque non queremos "arruinar"  as previsións e sensacións de quen aínda vai un chisco atrás xa que cadaquén ten o seu ritmo e non debemos desvelar nada.
 
       Aínda así, gustaríame invitarvos a reflexionar sobre o epígrafe que encabeza  O Único que queda é o amor  de Agustín Fernández Paz. Unha cita do Premio Nobel 2006, Orhan Pamuk ,que di:

        "Cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor.

        A vós tamén vos parece que O Principiño  concorda coa afirmación de Pamuk? Que cre o Principiño que é fundamental na vida?
      Na vindeira reunión , nós , imos discutir, no bo senso, sobre isto.
      Vós podedes escribirnos  e dicirnos que pensades.

      Na reunión  deste martes tamén planificamos as actividades das vindeiras reunións do grupo.
    E,coma sempre, a rapazada disposta a que collamos todos os recreos que precisemos. Moi xenerosa e colaboradora é esta xente.Grazas.
      Amósovos a única foto que ten calidade suficiente para ser publicada. Xa coñecedes a miña escasa habilidade cos este tipo de aparellos.
 
         As asistentes tamén  darán a coñecer,ao resto de compañeir@s que non pertence ao club, as actividades que temos previsto realizar para celebrar o Día do Libro.
       E isto foi todo.
       Que as lecturas vos sexan gratas.
       Aburiño!

9 mar 2014

Reunión do alumnado de 4º de E.S.O. e P.D.C.

     Ola rapazada!
      Lembrade que o vindeiro martes, ás 11:15, na Aula Multimedia, teremos a  agardada xuntanza de 4º de E.S.O. e P.D.C.
     Vémonos!
     Aburiño!

Tempo de nova lectura para o profesorado e persoal non docente

        Ola!
      Só quería lembrarvos que segundo acordamos na pasada reunión do profesorado e persoal non  docente a próxima lectura será  Brújulas que buscan sonrisas perdidas de Albert Espinosa.
        Algúns xa levastes o libro para  a casa e , en breve, teremos un par de exemplares máis na Biblioteca do Lama das Quendas.
        Así que, anotade na axenda, que o 5 de xuño, na hora do recreo, na Aula multimedia teremos a reunión para falar deste libro.
        Que gocedes coa lectura!
      


8 mar 2014

El Tango de la Guardia Vieja da que falar

        Ola a tod@s!
        O pasado xoves, na Aula Multimedia o profesorado do Club de Lectura  asistiu á reunión para comentar a novela de Pérez Reverte titulada El Tango de la Guardia Vieja.  
        Algúns non leramos nada deste autor mentres outr@s xa o coñecían por algunha outra novela. Para estes últimos  El Tango de la Guardia Vieja é diferente de outras obras do autor. Non só na temática, que é evidente, senón  no xeito de escribir.
       E deu que falar esta lectura porque , desta volta , non había unanimidade nas opinións. Así, se  para uns resultou difícil de rematar para outros foi lixeira de ler. Onde uns vían exceso de descricións outros atopaban precisión e necesidade de retratar os lugares e os personaxes da novela.Se alguén atopou que esta lectura foi un mero entretemento sen máis fonduras, outros outorgábanlle unha calidade literaria fóra de toda dúbida.Alguén opinou que era unha novela cun final previsible mais  outros non concordaban con esta teoría.Uns agradecían ter feita esta lectura e, pola contra , outros consideraban que non sería unhas das recomendacións que farían.
        No que tod@s estivemos de acordo foi en que, coma sempre é un pracer poder ler e xuntarse para que cadaquén poida comentar o que lle pete con relación á lectura realizada.
         Déixovos cunha fotografía na que se pode ver a varios dos asistentes durante un momento da reunión.


        Un gusto comentar libros en tan boa compañía.
        Aburiño!

       
        

4 mar 2014

Reunión do profesorado e persoal non docente

     Ola a tod@s!
      So quero lembravos que o vindeiro xoves, 6 de marzo, na hora do recreo, na Aula Multimedia teremos a reunión para comentar a novela de Arturo Pérez Reverte  El Tango de la Guardia Vieja .
     Deixovos un par de fotografías  de bailaríns de tango nunha rúa de Boca en  Bos Aires  e unha das zonas máis visitadas nela ,Caminito.



        So para ir abrindo apetito.
      Vémonos.
    

1 mar 2014

Faladoiro de Cometas en el cielo

        
       Ola!
      O pasado mércores , ás 17:15 h. tivemos reunión de pais e nais do Club de Lectura na Biblioteca do I.E.S Lama das Quendas. Aínda que faltaron varias persoas, cinco delas por mor das diferentes ocupacións e preocupacións persoais desculparon a súa ausencia, había un  grupo xeitoso de persoas que deseguida se animou a falar sobre a lectura recomendada.
       Que nos pareceu a novela de Hosseini? Pois dura. Dura como a vida mesma neses lugares  do mundo naqueles tempos  e  hoxe incluso. O autor non agacha en absoluto a súa opinión sobre os diferentes dominadores/invasores de Afganistán e retrata unha sociedade terriblemente machista,sexista, clasista , intransixente...
        Aínda que o título e a portada puidesen confundirnos e facernos crer que estabamos ante un libro  con certo ton  infantil ou xuvenil, nada máis lonxe da realidade ao adentrarnos na súa lectura.
        Un par de nenos absolutamente diferentes en canto a etnia,clase social,formación cultural, actitudes e valores conviven nunha casa de Kabul.Nós consideramos que  non eran amigos. Un deles, Hassan,  era un fiel servidor do outro, Amir. O servilismo de Hassan , que daría a vida e soportaría calquera humillación  por Amir, chega a extremos dificilmente entendibles para nós , sobre todo cando podemos comprobar a maldade de Amir e os diferentes intentos de facerlle dano a Hassan ata o punto de lograr "desfacerse" del cun engano, cunha mentira.
       Cremos que Amir nunca puido superar o que lle fixo a Hassan e, aínda que é moi feliz por non velo máis e ten unha "agradabel vida" nos Estados Unidos, no fondo lembra que o seu pai ,Baba, sempre lle dicía que o único que non se podía perdoar era a mentira e Amir foi un mentirán. Claro que Baba tampouco era un exemplo neste aspecto.
        Non é que nos asombre, porque sempre pasa, pero notamos como os afganos que viven en EEUU tentan vivir en grupos cerrados que seguen estritamente os costumes do seu país de orixe no canto de integrarse e adaptarse ao lugar no que moran.
        Decatámonos de que non hai "nai" en ningunha das dúas familias dos nenos. A muller afgana conta pouco na súa sociedade. Observamos que,polo contrario, hai un personaxe feminino, Soraya, a muller de Amir, que si intentou adaptarse á vida americana, e iso tivo un custo para ela,e  manda na súa casa e fai  o que realmente desexa  que é ter un fillo, aínda que sexa adoptado ( tendo que desoír prexuízos familiares e sociais). Parece que será feliz con Amir e o seu fillo Sohrab . Este é fillo de Hassan , e polo tanto , sobriño de Amir. Con el repetiuse a historia de sufrimento e servidume do pai e  ao final será o que , outra vez, faga feliz a Amir.
        A historia relata un proceso de redención.Amir indo na busca do seu sobriño e padecendo todo o que lle tocou no intento de levalo consigo aos EEUU poderá "volver a ser bo".
        Aínda que non está , a voz  de  Hassan dicindo "Por ti lo haría mil veces más..."  segue soando nos nosos oídos e nos de Amir tamén.
       
       

          Podemos engadir que a reunión foi  entretida, frutífera, interesante...e  o libro gustounos moito a todos os da fotografía e a algún máis que non estivo presente.
       Algunha nai falaba de recomendar libros deste tipo aos nosos rapaces para que valoren e coñezan outras situacións vitais e quizás así valorarían o que teñen, no máis amplo sentido da palabra.
       Finalmente comentamos que existe a película  que versiona esta novela
( tedes o enlace neste blog na sección de Libros feitos cine) e  puidemos ver o trailer do filme o que nos serviu para comparar os personaxes  que nel aparecen coa  imaxe que tiñamos creada na nosa mente.
      Todo isto e moito máis foi o que deu de si esta reunión que foi "dulcificada" con chocolate e menta.
        Unha vez máis grazas a tod@s.
       Foi un verdadeiro gusto compartir lecturas e comentarios con tod@s vós.
        A gozar coa seguinte lectura!
       Aburiño!!
   

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India