22 mar 2013

Lecturas para o 3º trimestre


           Aquí tedes as  lecturas  de A Quenda do Libro para o vindeiro trimestre.

                        As dos adultos son dúas novelas:



La Sonrisa Etrusca de José Luis Sampedro ,será a novela para pais e nais.

Nestes tempos  nos que  os maiores son protagonistas de moitos libros de éxito, nós eliximos unha novela  clásica na que un vello campesiño calabrés chega á casa dos seus fillos en Milán para someterse a unha revisión médica. Alí descobre o seu último afecto, unha criatura na que envorcar toda a súa tenrura: o seu neto, que se chama Bruno, como a el o chaman os seus camaradas partisanos. E vive tamén a súa última paixón: o amor dunha muller que iluminará a etapa final da súa vida concedéndolle toda a súa plenitude. Unha fermosa novela sobre o eterno problema do amor, coa verdade que ofrece un coñecemento profundo da alma humana.





           O profesorado e persoal non docente  escollemos ler Dime quién soy de Julia Navarro.
    Nesta novela,un xornalista recibe unha proposta para investigar a azarosa vida da súa bisavóa, unha muller da que só se sabe que fuxiu de España abandonando o seu marido e o seu fillo pouco antes de que  estalase a Guerra Civil. Para rescatala do esquecemento deberá reconstruír a súa historia dende os alicerces, seguindo os pasos da súa biografía e encaixando, unha a unha, todas as pezas do inmenso e extraordinario crebacabezas da súa existencia.




          Polo que se refire ao alumnado de ESO, desta volta ...ÍMOS LER POESÍA!!!
           
          



Os de 1º de ESO lerán  Mi primer libro de poemas  (no que  hai poesías de de Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca e Rafael Alberti )


 


e  Para cantar e contar ( poemas de Antonio García Teijeiro,Xoán Babarro e  Gloria Sánchez).



          


         

         

           Os de 2º de ESO lerán unha antoloxía que reúne, en español, os máis grandes poetas que nos falan cos seus versos do amor, do sentido da vida, da natureza.Trátase de Poesía española para jóvenes unha selección  moi axeitada á sensibilidade dos adolescentes de hoxe feita por Ana Pelegrín.








    
          Os de 3º e 4º de ESO lerán a Pablo Neruda. Poden escoller entre  Veinte poemas de amor y una canción desesperada e Los Versos de capitán.





          
          De todos eles hai exemplares na Biblioteca do IES pola que podedes pasar a recollelos.

           Aproveito para desexarvos unhas boas vacacións.
      Pasádeo ben, aproveitade que os días son máis longos e, se se pode,gozade da natureza  lendo un libro.
           
           Boas lecturas!!!

21 mar 2013

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA 2013

          Agora si!!

          Velaí como quedou o  mural para conmemorar o Día Internacional da Paz.

          Elaborouse con estrofas ou cativos poemiñas  de autores en  calquera dos idiomas  que se falan no Lama das Quendas.

          Non  esquezades nunca que "os poetas acompañan os movementos cívicos e atinan tanto a sacudir as conciencias polas inxustizas do mundo como a conmovelas pola súa beleza" como ben dixo a Directora Xeral da UNESCO, Sra Irina  Bokova na conmemoración desta data en marzo do ano 2012.

         Hai unha morea de  papeliños co anaco de poesía que cada quen quixo!!! 
          Desexamos que vos conmovan e ademais  sacudan as vosas conciencias.

          Grazas pola colaboración!!   
    

17 mar 2013

Escoitando A voz do Lago

          O pasado martes, 12 de marzo  na Aula multimedia  houbo xuntanza da rapazada de 2º de ESO  para  comentar A voz do Lago que,en xeral, gustou aínda que a algunhas   custoulle situar e conectar na liña do tempo as historias que se narran. Gustounos o esceario (un pazo galego) e aledámonos de que houbera sereas  polo relato adiante.

          Velaí tendes algunhas rapazas  do grupo:


         Todo 2º de ESO quedou citado para o vindeiro martes,19 de marzo  pero nesta ocasión xuntarémonos  na entrada do IES , xunto ao taboleiro de A Quenda do Libro para realizar a derradeira actividade deste trimestre.

         Vémonos !!!



11 mar 2013

Reunión de 2º A e 2º B de ESO

6 mar 2013

Todo 1º de ESO comentou as súas lecturas.


          Ateigada estaba  onte ,martes 5 de marzo, a Aula Multimedia con toda a rapazada de 1º de ESO que acudiu para comentar  Memorias dun raposo de Antonio Reigosa e O pazo Baleiro de Xabier P. Docampo.

        Fixeron un resumo e comentario das dúas obras. Sinalaron o que máis lles gustou e o que menos lles agradou.

        Aínda que eran moit@s non pensedes que había moito rebumbio.Máis ben ao contrario , so son cinco ou seis os que falan. Están pouco afeitos a debater e expoñer opinións pero, como algún di, de escoitar tamén se aprende. E moito!!

          Xa  preparamos  o camiño para as seguintes lecturas  que de seguido publicarei e acabamos a reunión co son do timbre  de regreso ás clases.

          Aí tedes as imaxes  do alumnado de 1º que posou para elas agrupado para que todos "entraran" na foto. E ben guapos que estades!!.


           Axiña publicarei o calendario das próximas reunións e as  lecturas recomendadas.

          Mentres,  pasade un bo fin de semana (estamos de feira)  e  seguimos véndonos.

          Aburiño!!!



4 mar 2013

Reunión de 1º A e 1º B

          Ola amiguiños!

          Lembrade:


            Ata mañá!!

Os pais e nais comentan Ollos de auga

          


          A tarde do  pasado xoves, 28 de febreiro,a Biblioteca do Lama das Quendas   recibiu ao grupo de pais e nais ( algúns dos cales podedes ver na foto)  que acodían para comentar  a primeira novela de Domingo Villar Ollos de Auga.

            Era un autor que non coñecían  e  atopamos unha pequena dificultade ao comezo porque algúns dos asistentes non len en galego , ben porque non son nativos da terra , ben porque  non foron escolarizados en galego. Así que  andamos á procura do texto en castelán máis non  fomos quen de atopar os exemplares suficientes para os dezasete membros do clube. Logo , agás unha nai, tod@s lemos en galego. E a experiencia foi fantástica  porque se decataron da facilidade do texto  e  , adiantando acontecementos, gustoulles tanto  a lectura recomendada que  moitos  leron tamén  a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados que aínda lles gustou máis.

      A reunión deu para comentar que se teñen rido con ganas coas dificultades de Estévez, o policía maño que non da entendido a idiosincrasia galega. Certamente  saen varios tópicos sobre Galicia e os galegos, pero é que somos así, é que temos unhas paisaxes e uns productos  que ben coñecen os de fora por iso nos visitan tanto. 

          Todos os personaxes que aparecen no libro, agás  Rafael Estévez, están caracterizados coma galegos e a moita honra.Lonxe de ser algo negativo consideramos un valor a nosa insistencia, a nosa retranca, a  nosa desconfianza...

          O estereotipo de inspector acompañado dun policía mangallón, bruto e que se laia seguido é moi de película americana pero gustounos.E aledámonos de que Leo Caldas  non desaparecese e continuase o seu "traballo" en A praia dos afogados  e debecemos por poder ter nas nosas mans a terceira entrega  que , agardamos ,definitivamente se  publique na primavera.

          Como remate  barallamos distintas posibilidades de lecturas para a seguinte  "tarefa" .É de destacar que "os meus pais e nais "   fan coma os rapaces do instituto : len o que lles mandan pero a maiores outras lecturas que teñen programadas segundo a súa biblioteca ou segundo gustos.

           Acordamos  ler La sonrisa etrusca  de José Luis Sampedro e quedamos citados.

          So me resta agradecer a presenza dos membros do clube , invitar aos que  queiran  a que se incorporen ,e desexarvos boas lecturas.


          Aburiño!!

3 mar 2013

O profesorado comenta El retrato de Dorian Gray


      O pasado martes,na hora do recreo, xuntámonos un grupo de profesor@s para comentar a coñecida obra de Oscar Wilde: El retrato de Dorian Gray.

          Mirade algunha das asistentes.


          Os que somos maiores en idade  xa a leramos nos nosos tempos mozos  pero foi un gozo redescubrila. E digo redescubrila con toda a intención porque daquela  non atoparamos na novela nin a metade do que agora nos amosou.

           A tod@s nos deixou impresionad@s  Lord Henry e a súa capacidade de manipulación. Para nós é un home que engaiola a Dorian Gray de tal maneira que  este acaba sendo un títere nas súas mans casi sin   percibilo. E se se da conta xustifícase aplicando o lema de Lord  Henry : o único que vale a pena na vida é a beleza e a satisfacción dos sentidos.  Así que todo é xustificable  e a súa vida vai camiño da autodestrucción sen facer caso das  advertencias  do seu amigo Basil Hallward  ao comezo da novela e dos seus consellos case ao final da mesma.

      Dorian é un narcisista  a quen se lle concede o desexo de non envellecer .Farao por el  o  retrato pintado por  Basil. O cadro é o recordatorio das moitas faltas do modelo. Nel vese ao verdadeiro Dorian  e as súa cativeza moral.

        A vida que toma o cadro fixonos lembrar e comentar o conto de Edgar Alan Poe no que un pintor  usa de modelo á súa esposa e no momento final, no que remata o cadro , esta  morre coma se o retrato lle arrebatase  a alma á  muller  para captar a vida mesma.
          

      A homosexualidade  planea pola novela de xeito latente e a decadencia da sociedade inglesa, a vanidade, a  tolería... son temas evidentemente  tratados.

             Acordamos a próxima lectura e quedamos con bo sabor de boca.

            Boas lecturas!
         
            Aburiño.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India