12 jul. 2016

O que nos quedan son as súas palabras

Amigos de A Quenda do Libro,esta mañá morreu en Vigo Agustín Fernández Paz.
Non hai palabras para expresar a  dor que invade as letras galegas neste ano de Manuel María.
O autor máis premiado e prolífico da literatura infantil e xuvenil galega deixounos hoxe  e quedamos orfos.
Temos moit@s galeg@s que escriben ben, pero Agustín facíao marabillosamente, e nunca máis teremos ocasión de ler algo novo que saia das súas mans.
Non permitiremos que ninguén esqueza, que reine a desmemoria. Tampouco ninguén te esquecerá.
Os teus libros, mestre, quedarán e honrarán a túa memoria porque , como afirmaches:" Todos os libros que escribín, como as tramas dunha tea, están feitos combinando fíos da miña vida". Por iso,mentres te leamos vivirás connosco.
Ti fócheste pero as túas obras farán de sementeira...Grazas por tanto como nos tés dado!
Descansa en paz!
 
 

Video resumo das IX Xornadas dos Clubs de Lectura

Se onte vos facía o meu resumo do vivido nas IX Xornadas dos Clubs de Lectura, hoxe comparto o vídeo da Asesoría de Bibliotecas no que podedes ver as imaxes captadas no mesmo.

IX XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA - 2016 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Son poucos minutos pero  recollen a esencia do encontro.

11 jul. 2016

Resumo das IX Xornadas dos Clubs de Lectura



O pasado 10 de xuño , celebráronse no Pazo de  Congresos de Santiago de Compostela, as IX Xornadas dos Clubs de Lectura das que desexo facer un resumo para que tod@s saibades  que facemos alí e como facemos.
Comezaron coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2016 á autora Ledicia Costas por ser a autora máis lida polos clubs de lectura durante o curso 2014-2015.
A escritora, de quen  non se leu nada, por certo, no Lama das Quendas durante o curso recén rematado, agradeceu o premio e posteriormente desvelou algunha curiosidade  relacionada co proceso da escrita  durante a entrevista  que  lle realizou un compoñente da organización do evento.
Posteriromente , Manuel Bragado presentou o seu relatorio:A lectura en galego no marco da hibridación editorial coa que se deu paso a un tempiño, mínimo, de descanso que aproveitamos para saudar e conversar coas persoas qeu coordinan outros clubs e intercambiar vivencias do curso que remataba.
A continuación  houbo unha mesa de  experiencias na que participaron Paula Conde , da Fundación Curros Enríquez ( Celanova);Mª Xosé Ximénez, do IES Rodeira ( Cangas do Morrazo) ; Pedro Lamas , do IES  Aquis Celenis (Caldas de Reis) ; e  Sonia Ces , do IES de Porto do Son  que  falaron e comentaron rutas literarias que realizaron co seu alumnado.
Para rematar a mañá , o escritor e xornalista Fran P. Lorenzo explicou o seu relatorio titulado: O Vigo de Cabalos e lobos, obra que teño pendente ler neste verán.


Xa pola tarde, despois do xantar-encontro, tivemos o que resultou o prato forte, dende o meu punto de vista.Estaban programadas  diferentes actividades que se desenvolvían simultaneamente , e como non posúo o don da ubicuidade, so puiden asistir a unha. Feita a escolla, polo relator e polo título, acudín á titulada Ler poesía tampouco é para tanto.Foi simplemente fantástica. Carlos Negro, o relator , é desas persoas de mirada clara e honesta, que fala do que lle gusta e faino moi ben, sabendo chegar @s asistentes.Interesantísima experiencia nestas xornadas.
Houbérame gustado asistir á actividade titulada: Poesía 1.Por las ramas.Obradoiro de lectura y escritura impartido por Raúl Vacas, poeta que tamén coñezo, pero lembrade a imposibilidade de desdobrarme...
Na seguinte actividade, Darío Xohán Cabana   falou sobre Manuel María e algunhas reflexións sobre a poesía nos clubs de lectura.Foi directo, ameno e resultou, tamén , de gran interese.
Rematou a sesión, máis tarde do previsto, co recitado de poemas por parte de  Darío Xohán Cabana, Carlos Negro,Raúl Vacas e Rosalía Fernández Rial que  compraceu ao público e coa actuación de Alba María, unha cantante ,para min descoñecida,con dóce voz e fermosas cancións que contentaron os nosos oídos.

23 jun. 2016

Acabaron as clases...

Chegaron as merecidas vacacións para o alumnado!! Dende hoxe xa non hai que asistir ás clases no Lama das Quendas, non haberá deberes, exames, reunións...nin nada diso que consideramos "traballo".Pola contra, teredes moito tempo libre, tempo para compartir con familia e amig@s , tempo para vós mesm@s , tempo para ler...
Dende A Quenda do Libro , seguimos coa teima de sempre: ler, ler, ler...Tres letras que expresan a fermosa acción que realizamos con tanto agrado.
Sabedes que vos recomendamos varios libros,que tivestes ocasión de  escoller na biblioteca os tres títulos que vos apetecía levar prestados , agora só queda mergullarse nas historias coas que gozaredes de certo.
Nós, dende este blog e , sobre todo, dende o facebook, estaremos en contacto convosco, se queredes, porque non pechamos por vacacións. No que resta de mes, seguiremos publicando os poemas lidos e emitidos en Televinte e o mesmo faremos durante o mes de agosto. So deixarán de publicarse o mes de vacacións da canle local, é dicir , en xullo.
Os recitados de poemas  irán mesturados coas imaxes lectoras e veraniegas que a rapazada quedou de enviar ao noso correo , cos artigos interesantes que leamos durante as vacacións,con todo aquilo que puidera resultar de interés para tod@s vós.
Dende a praia,o río, a piscina, a ribeira, a montaña, á sombra dunha árbore , ao fresco da casiña  ou en calquera sitio  no que esteades este verán , facédenos un favor:sede felices!!Felices vacacións!!
Ah! E lede moito!!!

9 jun. 2016

Achegámonos ao final

Rematamos, por este curso, coas actividades do club de lectura. Atrás quedan nove meses de actividades varias: reunións,obradoiros, sesións de animación, encontro con autores, e sobre todo, lectura de libros.
Resulta moi gratificante ver como a rapazada e @s adult@s se enganchan á ler e a comentar, a opinar, a propoñer, a suxerir ...
O sorriso que ilumina a nosa cara cando un alumno/a nos di: "que ben o pasei lendo!" vale máis dunha fortuna.Bueno, en realidade iso é unha fortuna, un tesouro co que moit@s se atopan ao longo do curso e outr@s aínda non deron con ese libro que lles fará subirse ao carro des@s lector@s que aínda non acabamos cun libro e xa estamos escollendo o seguinte.
E, cando calquera integrante do grupo de pais e nais e profesorado chega á reunión con esa sensación de que investiu moito tempo na lectura de tal ou cal novela, pero no foi tempo perdido... entón, que dicir?
Cando @s da Quenda che explican que grazas á ficción ,se puideron achegar a realidades que non alcanzarían doutro xeito, sobra calquera engadido.
E a festa final de onte martes, foi o acto final desta tempada.
Non hai deberes para o verán pero,@s que levamos dentro a adicción á lectura dificilmente poderemos desengancharnos nos vindeiros meses.E , ao tempo que lemos, xa estamos pensando en suxerir a calquera persoa que lea o "noso" libro para poder comentalo. Somos así!E que sexamos por moitos anos! 

Amigos, amigas, foi un placer compartir convosco lecturas e comentarios, e será un placer  facelo de novo o vindeiro curso.






8 jun. 2016

Ler é unha adicción

Este grupo do profesorado está enganchado a ler. Con dicirvos que xa falamos de lecturas para o vindeiro ano!
Pero comecemos polo principio.Xuntámonos para comentar La chica del tren da escritora británica  Paula Hawkins. E as opinións foron boas, gustou o libro, enganchounos a historia, pero dixemos máis cousas que vos resumo por se alguén que non saiba se ler ou non esta  novela quere ter en conta a nosa opinión.Por certo, non imos destripala polo dereito que cadaquén ten de gozar da lectura sen interferencias.
Un compañeiro, nada máis chegar , preguntouse, e preguntounos, se realmente este thriller  era merecedor do éxito que estaba acadando.Sabemos como vai isto.Funciona o boca- orella , trátase dun libro fácil de ler , ten intriga ... Pois por iso se vendeu tanto nos 30 países nos que foi publicada.
Cremos que as mulleres que aparecen son realmente peculiares, e , Rachel, a protagonista (á que algunhas persoas non conseguimos querer, non empatizamos con ela, mentres outras si) ten demasiados problemas: é alcohólica ,mentirosa, sufriu unha dura ruptura amorosa, non ten traballo ,é testemuña dun acto violento ,ten  baixa autoestima, está deprimida...Un personaxe rico en carencias. Pero, cales foron os motivos que a levaron a esa situación? As causas  fixeron que algúns dos asistentes se solidarizara con ela.
O  múltiple punto de vista de Rachel, Anne e Megan creou algunha confusión ao comezo e , mesmo, levou a pensar a algúns que ía ser todo o libro así.Pero non, mudou.
A narración é axil ,casi cinematográfica;  cremos que hai un bo manexo da tensión narrativa ; mantén a intriga ata ben entrada a novela polas pistas falsas que nos vai proporcionando  ( aínda que houbo quen nas primeiras páxinas xa descubriu, porque atinou, quen era o culpable da desaparición da muller); e o final é efectista.
Para nós,a rapaza do tren representa a esas persoas que viven soas nas cidades e desexan , por calquera medio, conectar con alguén , que alguén lles faga caso...A soidade é mala compañía.
Non pretendiamos outra cousa con esta novela, so queriamos ler, gozar co que lemos sen meternos en textos profundos  que nos obrigaran a meditar, a sufrir cos protagonistas.E conseguímolo. 
Non sabemos se veremos a película, baseada neste libro  que, se estreará  no próximo setembro, probablemente non, porque seguro que o libro é moito mellor.
Neste caso unha imaxe non vale máis ca mil palabras.

6 jun. 2016

A quenda da festa!!

Remata o curso e ,con el ,as actividades deste club de lectura polo que pasaron  140 rapaces e rapazas que participaron algunha vez nas nosas reunións .
Faremos balance do mesmo,  e tomaremos nota daquilo que funcionou  ben e do que precisa mellora para que o vindeiro curso sexa aínda mellor.Mais, haberá tempo para iso.
De momento, queremos convidarvos á derradeira reunión que realizaremos no Salón de Actos o vindeiro martes, 7 de xuño.Trátase de compartir durante o tempo de lecer uns pinchos  e unhas risas.
Non queremos que faltedes!
Agardámosvos!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India